Agustín Otxotorena

“Os antichavistas que rebentan charlas aquí non queren que se saiba outra versión de Venezuela que non sexa a súa”

Este empresario vasco, que vive en Venezuela desde hai anos e que se confesa “namorado” dese país, está na Galiza para participar en coloquios e actos nos que, explica, “conta esa realidade venezolana” que non sae nos grandes medios. As súas charlas destes días en Vigo e Moaña foron “rebentadas” por antichavistas. Esta terza feira está na universidade de Compostela ás 20 horas.

As súas charlas destes días en Vigo e Moaña estiveron no punto de mira de opositores venezolanos...

Pois como nas de Burgos ou mesmo en Euskadi. Xa é a quinta charla que me veñen rebentar [os anti-chavistas]. Aquí [na Galiza] xa viñeron a iso, están organizados e non queren permitir que haxa outra opinión, que outras persoas lexitimamente deamos a nosa visión e opinión sobre Venezuela. Non queren que se coñeza outra versión de Venezuela que non sexa a súa.

 

Sorpréndelle esa actitude por parte deses grupos que se denominan de oposición?

Esta actitude é a que teñen en Venezuela. Eu vivo alí desde hai anos e coñezo ben como actúan. Son moi agresivos. Poden lincharte, queimarte vivo, esas cousas aconteceron. Aquí córtanse máis, claro. Usan o odio, a violencia, a agresividade para intentar que outras opinións non saian, é o seu xeito de actuar.

 

 "Eu vivo alí desde hai anos e coñezo ben como actúan. Son moi agresivos. Poden lincharte, queimarte vivo, esas cousas aconteceron. Aquí córtanse máis, claro. Usan o odio, a violencia, a agresividade para intentar que outras opinións non saian"

 

De onde vén a túa relación con Venezuela?

En 1999 un amigo faloume da posibilidade dun negocio en Venezuela. Aquilo non saíu adiante mais namoreime daquel país e a partir de aí continuei indo, cada vez máis, até que fiquei alí.

 

E cal é a Venezuela que explica e describe nos coloquios e conferencias que dá fóra de Venezuela?

O primeiro que explico é que Venezuela non é o que sae nos grandes medios, ese lixo informativo co que intentan manipular a xente no Estado español. Intento desmontar iso, que a xente vexa que os medios de comunicación teñen fortes intereses alí e que contan as cousas ao revés. Un exemplo para explicar isto é o que  pasou coas charlas en Vigo e Moaña: viñeron persoas de maneira organizada rebentar as charlas e os medios masivamente contaron ao revés o que pasou: que esas persoas foran agredidas nas charlas! Falaban mesmo de persoas hospitalizadas cando non hai ningún parte de lesións nin de hospitalización. Os medios contaron unha película, a noticia contaba exactamente o contrario do que pasou, facían pasar os agresores por vítimas e as vítimas por agresores.

Pois iso é o que acontece continuamente nos medios a respecto de Venezuela: os agresores, os golpistas, os que queiman universidades e centros médicos, os que asasinan... pasan por vítimas.

 

"O golpe fracasou, acabou. O que non acaban son os intentos dos Estados Unidos por facerse con Venezuela"

 

A presión mediática non é o único do que fala nas charlas.

Repaso a historia de Venezuela para explicar como aínda hai persoas que manteñen un pensamento de colonizado, o que isto vén desde lonxe, do nacemento de Venezuela. Hai unha Venezuela dos amos, os terratenentes; outra dos servos, e outra dos servos escravizados contentos da súa situación e que defenden o explotador. Hai xente que vai ás manifestacións da oposición en Caracas con bandeiras dos Estados Unidos, iso xa o di todo.

 

Non deixa de sorprender este discurso da boca dunha persoa que é empresaria...

A miña relación con Venezuela é de amor, amo ese país, namoreime del. Vivir alí permíteche dúas cousas: a primeira, ter contacto coa xente da oposición e no mínimo que teñas un pouco de empatía ou corazón ves que esa xente vive da exclusión do outro, do sometemento do outro. Por moito que sexas empresario, avogado, médico.. se ves as millóns de persoas que non tiñan dereitos, que estaban excluídos, a xente que o pasa mal.. poste do seu lado, pregúntaste cousas.

E a segunda cousa, para ver o que pasa en Venezuela hai un dito “ollos que non ven corazón que non sente”. Eu doulle a volta e digo “corazón que non sente ollos que non ven”. Iso pásalle á oposición.

 

Como cre que vai acabar a situación actual após a 'autopoclamación' de Guaidó?

O golpe fracasou, acabou. O que non acaban son os intentos dos Estados Unidos por facerse con Venezuela. Iso é así. Queren recolonizar Venezuela porque Chávez independizouna e queren recolonizala custe o que custe.