Rebelión veciñal contra o campo de golf que ameaza con secar unha parroquia de Baiona

(Imaxe: SOS Groba)

O Goberno municipal do PP planea expropiar decenas de hectáreas de terreo comunal para levantar un mega-complexo deportivo. A veciñanza advirte que contaminará os mananciais e deixará a zona sen auga. A oposición política pide a retirada do proxecto, cuxo custo case duplicaría o orzamento municipal dun ano.

Un campo de golf ten os algo máis de mil habitantes de Baredo en pé de loita. A parroquia do concello pontevedrés de Baiona oponse de forma maioritaria ao desenvolvemento do Plan Especial das Costeiras, que prevé expropiar 675.000 metros cadrados de monte comunal para construír un dos maiores complexos deportivos do país. Para a veciñanza as causas da protesta son, en primeiro lugar, de pura supervivencia. Na zona onde se proxecta están a maioría dos recursos hídricos da parroquia, que non está conectada coa rede municipal. Literalmente, quedarían sen auga. O Goberno municipal, liderado polo PP, defende que o Plan contempla a creación dun sistema de bolsas para recoller auga de choiva e cubrir así as necesidades da instalación. 

 

Pero estes argumentos non convencen a poboación de Baredo. Só o campo de golf, que ocuparía máis da metade dos terreos, consumiría 250.000 toneladas de auga cada ano. Unha cantidade moi superior á rexistrada polas 400 casas da parroquia, que nos pasados meses de verán mesmo tivo que realizar cortes nocturnos para garantir a subministración, segundo informou a comunidade de augas. Só dous entre un centenar de comuneiros votaron a favor do proxecto. Un deles, José Ángel Bahamonde, tesoureiro da entidade comunal, foi designado días despois como novo edil de Urbanismo en Baiona, anteriormente a cargo de Vías e Obras. A anterior concelleira do ramo, Ana Simons, renunciara en setembro do seu cargo alegando un cambio de residencia.

 

Só dous comuneiros votaron a favor do proxecto; un deles, tesoureiro da comunidade, foi designado días despois como novo edil de Urbanismo.

 

No último pleno municipal, a pasada semana, ficou clara a unanimidade política contra o proxecto. Desde o PP xustificaron, ante unha nova protesta do colectivo veciñal e da man dunha moción do PSOE, que o rascuño aínda está nunha fase inicial e que está pendente de alegacións e das xustificacións técnicas necesarias. Porén, recordou que o Plan Especial das Costeiras estaba no programa electoral dos populares e, por tanto, non se enganou ninguén. Tanto BNG como EU reiteraron a súa posición de solicitar a retirada do documento, aprobado pola xunta de goberno en xuño e con máis de 350 alegacións presentadas.

Nas case 70 hectáreas de monte comunal, o Plan Especial contempla a expropiación forzosa dos mesmos para levantar un campo de golf, un centro de hípica, pistas deportivas, piscinas ou un anfiteatro, cedendo a súa xestión a unha empresa privada. Para desenvolvelo, é preciso un investimento de 14 millóns de euros, case o dobre do orzamento anual do concello. En caso de resultar inviábel, apuntan desde o Bloque, as arcas públicas acabarían asumindo o rescate, após entregar a mans privadas. Consideran que existen intereses aínda non revelados detrás do mega-complexo.

 

A veciñanza cita un estudo do Ministerio de Medio Ambiente, a Junta de Andalucía e a Asociación Europea de Golf para exemplificar o impacto do proxecto. O uso habitual de agro-químicos pode contaminar as fontes de auga que abastecen a parroquia e danar a biodiversidade. Os caudais dos mananciais cambiarían de forma irreparábel polo movemento de centos de miles de toneladas de terra. E o patrimonio natural da zona desaparecería para sempre. Desde o colectivo SOS Groba apuntan que no centro dos terreos onde se levantaría o campo de golf existe un xacemento arqueolóxico.