Rebeca Baceiredo, filósofa: "A moda a nivel de clase, e non só de xénero, marca"

A escritora ourensá Rebeca Baceiredo (Foto: Mar Ferreiro Rey).
Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) volve sobre a análise do xénero no seu novo libro: Os corpos inscritos e os textos escritos. Xénero, moda e literatura (Xerais). A ensaísta afonda en cuestións xa tratadas en 'Oiko-nomía do xénero', onde explora a voz das subalternas fronte a masculinidade hexemónica.

De onde nace a necesidade ou a oportunidade deste libro?

Xorde a raíz dunha proposta de María do Cebreiro a propósito dun congreso organizado pola Asociación Española de Literatura sobre a cuestión do xénero. Os xéneros, mesmo vinculados aos medios de comunicación. A proposta era aberta. Así que naquel momento, a min que me gusta achegarme ás cafeterías, ver as revistas e saber das tendencias sociais, vin claro, como punto de partida, ese vínculo entre o xénero téxtil, o xénero sexual, e como semiótica, o xénero literario. A partir de aí empecei tecer.

Que relación gardan o xénero téxtil e o sexual?

O xénero é o xenérico. Como fixera en Oiko-nomía do xénero, parto da definición de xénero de Aristóteles, e o xénero é o universal. No caso feminino inscríbese a diferenza sexual, o que sucede é que ás mulleres só se lles concede ese nivel de realidade, a da xeneralidade, non a concreción. Parte do libro xira arredor de buscar a forma, a esencia dunha materia entendida como informe e a singularización que permite a materia formada a través da moda. O xénero en relación ao tecido tamén recaeu tradicionalmente nas mulleres. Elas foron as que se encargaron tanto de tecer o téxtil e de reproducir nel, e fóra del, as inscricións sociais da tribo. A cuestión é que carecen de axencia. Parte disto explícase desde a estrutura ontolóxica de Aristóteles. 

Que di Aristóteles?

Aristóteles afirma que a esencia das cousas está na propia materia. A forma non se ve, chégase a ela por abstracción, de maneira que é a definición, unha substancia segunda. En tanto que elas non se ven como suxeitos concretos, senón como estereotipos, están privadas de singularidade, e a súa materia serve só para a reprodución. Prescinden da capacidade de devir, que é o que caracteriza a substancia concreta, a existencia. Así, se hai uns seres aos que consideras xenéricos estalos privando de existencia e obrigando a se corresponder con ese 'deber ser', que en todas as antropoloxías se marca sobre as mulleres e se vixía para que cumpran a moral que sexa.

Falas dos corpos inscritos, os das mulleres, fronte a textos escritos, polos homes. De que maneira se explica esta confrontación?

Os corpos femininos son inscritos porque son á vez materia xenérica e esencia, a definición do que deben ser. Son corpos acuñados, non son os suxeitos da palabra articulada. Mais os textos, vinculados ao logos, á palabra articulada, á dimensión racional, foi algo progresivamente relegado ao masculino. Eles escriben a norma e os textos, e neses textos elas tamén foron escritas.

E como aparecen elas escritas neses textos?

De novo aparecen escritas desde os prexuízos, desde o xenérico: desde o 'deber ser', desde os modelos de subxectivación, por unha banda, e, por outra, desde a carencia de virtude, que tamén é un xeito de asentar o que se debe ser, a moral, presentando o vicio, a corrupción, a disfunción, en definitiva.  

De que forma a moda ten contribuído a inscribir ese 'deber ser'?

A moda a nivel de clase, e non só de xénero, marca. Está prohibido vestir do xeito en que viste outro estamento. Fixa os status e marca as funcións. A moda actúa como representación do rol social que cumpres. Xa na Modernidade, cando a moda se empeza a tomar como un elemento do progreso económico, preséntase como unha sorte de emancipación, como se puidesen conformarse, concederse,  como simple materia, esa morphé a través dela. Parece que a través da lóxica da representación, do vestir, exprésase o eu ou, noutros termos, unha sorte estatus económico ou, en último caso, un coñecemento iniciático, exclusivo. A cuestión é que a moda, nalgúns casos nos que parece achegarse á arte, tamén ten evidenciado a representación ou a inscrición que realiza nos corpos ou como máquina económica. E a arte, que tamén aparece referenciada no libro, ten denunciado a seriación dos corpos femininos, é dicir, aquilo que se mercaba ao por maior, o xénero.