A xustiza rebaixa as penas de cinco condenados por delitos sexuais

Mobilización feminista en Compostela o 8 de marzo deste ano. (Foto: Arxina)
As reducións están enmarcadas na lei do 'só si é si'

As Audiencias de Pontevedra, A Coruña e Ourense pronunciáronse sobre o total de oito solicitudes de revisión de condenas por delitos sexuais no marco da lei do 'só si é si'. Segundo informou onte o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), de todas elas, en cinco casos -catro en Vigo e un en Ourense- reducíronse as penas aos acusados aludindo á aplicación da nova lei..

A Audiencia provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acordou rebaixar as penas a catro condenados por delitos sexuais, os cales solicitaron a revisión como consecuencia da entrada en vigor desta lei. En todos os casos o tribunal explica que a nova lei "nada estabelece" en canto á súa aplicación "a procedementos en trámite ou xa xulgados e con sentenza firme", como sobre os que a Audiencia provincial resolveu.

Aliás, destaca que o artigo dous do segundo apartado do Código Penal "estabelece unha norma xeral, no sentido de que terán efecto retroactivo as leis penais que favorezan ao reo", tal e como asegurou que sucede nos catro procedementos que revisou. 

Nun deles, rebaixou de 11 a 10 anos de cárcere a condena imposta ao autor dun delito continuado de abuso sexual con penetración -agora considerado agresión-, afirmando que "a pena prevista era de oito a 12 anos e, na actualidade, é de seis a 12 anos". As outras condenas revisadas eran casos semellantes. Con todo, como así recolleu Nós Diario, o Tribunal Supremo insistía na necesidade de analizar caso por caso, e non "de forma global".

Porén, a Audiencia de Pontevedra rexeitou revisar unha condena de 13 anos de cárcere imposta ao autor de dous delitos de abuso sexual a menor, un deles continuado. Neste caso, os maxistrados sinalan que a nova lei "é claramente máis prexudicial ao reo".

Por outra parte, na Audiencia da Coruña tamén se mantivo a condena de catro anos de prisión imposta ao autor dun delito de abuso sexual con penetración xa que, segundo explicou o tribunal, agora esa conduta está tipificada como agresión sexual cunha pena de catro a 12 anos en prisión, polo que "non é posíbel a revisión desta condena".

En canto á Audiencia de Ourense, tamén accedeu á revisión da condena de seis anos de prisión imposta ao autor dun delito de agresión sexual reducindo a pena dous anos. Desde a entrada en vigor da lei, na Galiza xa se revisaron 23 autos referidos a condenas.