Reducen á metade as penas aos 6 condenados no xuízo #8f45anos. Ningún deles entrará no cárcere

Imaxe do inicio do xuízo #8f45anos, en maio de 2014

A Audiencia Provincial rebaixa, após o recurso das persoas procesadas, a un total de 5 anos e 3 meses as condenas de 11 anos e 5 meses impostas polo tribunal polos incidentes en 2009 nunha manifestación de 'Galicia Bilingue'.

Unha sentencia da Audiencia Provincial vén de rebaixar a menos da metade as penas impostas ás 6 persoas condeadas en setembro de 2014 a un total de 11 anos e 6 meses de prisión no xuízo polos incidentes de 2009 durante unha manifestación de 'Galicia Bilingüe', coñecido como #8f45anos. A decisión da Audiencia prodúcese após o recurso presentado pola defensa destas seis persoas. Os letrados recorreron aquela sentencia  en base a tres requisitos principais: a nulidade dos vídeos que serviron para condenar os acusados, que os delitos de atentado son individualizados polo que é mester identificar a persoa ou persoas que supostamente o sofreron (“o que non se fixo”). E, por último, que se aplique o atenuante por dilacións indebidas do proceso, posto que os feitos a xulgar aconteceron en 2009.

A Audiencia (nunha decisión que non é recorríbel en vía ordinaria) rebaixa eses máis de 11 anos a 5. Unha decisión que, como comentan fontes da defensa consultadas por Sermos Galiza, “evita a prisión a dúas persoas” que coas penas impostas en setembro de 2014 terían que entrar no cárcere.

Penas

Así, a Bernardo M.B rebáixaselle a condena de 4 anos e 3 meses a 18 meses. Ademais, impónselle 9 meses de multa a razón de 6 euros ao día (1.620 euros) e outra de 1.255 euros de indemnización. Joam P., Aurelio L e Xiana R. pasan a estar concenados 9 meses de prisión cada un, cando na anterior sentencia a pena era der 1 ano e 9 meses cada cada un deles.

Narciso V. e Alexandre B. fican con condenas de 9 meses cada un, rebaixándolles en 3 meses a que se lles impuxo en primeira instancia (un ano de cárcere para cada un). Teñen, ademais, que pagar conxuntamente unha indemnización de 160 euros.

No principio pedíanse 45 anos de cárcere para 12 acusados

En maio de 2014 comezaba o xuízo contra 12 persoas para as que acusación pedía 45 anos de cárcere e 34.000 euros de multa polo protesto na rúa contra unha manifestación de Galicia Bilingüe en 2009. A defensa demanda a libre absolución nun xuízo que @s propi@s encausad@s cualifican de ''político''.

Na sentencia ditada en setembro dese ano absólvese a 5 das persoas acusadas (Alexandre R., Roberto R., Abraham P., Roberto C. e Antonio F) e fíxase unha condena de 11 anos e 6 meses de prisión para outras seis. Recorrido ese fallo, a Audiencia Provicnial rebaixa agora as penas a menos da metade, evitando o ingreso en prisión que pendía sobre algúns dos acusados.