Xustiza

Rebaixan nun ano a pena de cárcere a un dos condenados de 'La Manada' ao abeiro da 'Lei de só si é si'

Manifestación de apoio á vítima da 'Manada', en 2018. (Foto: Europa Press)
A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa, que poderá ser recorrida diante do Supremo, contou co voto particular dunha maxistrada que avogou por desestimar a revisión da condena.

O Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa vén de rebaixar nun ano —de 15 a 14 anos— a pena de prisión imposta polo Tribunal Supremo a un dos cinco condenados de 'La Manada' pola violación grupal a unha moza nos Sanfermíns de 2016, ao abeiro da Lei Orgánica 10/2022, de garantía integral da liberdade sexual, coñecida popularmente como Lei de 'só si é si'. A Sala do Civil e Penal do alto tribunal navarro sostén que a condena debe reducirse debido a que o propio Supremo sinalou na súa sentenza que impuña unha condena de 15 anos, "próxima" ao mínimo legal, uns mínimos que a citada lei rebaixou "sensibelmente", xustificaron os xuíces.

Así, segundo explica a Sala, a pena máxima continúa inalterada, pero a mínima descende 1 ano e 3 meses, pasando de 14 anos, 3 meses e 1 día a 13 anos. "En consecuencia, os 15 anos de prisión impostos quedan dous anos por riba do mínimo posíbel, que, efectivamente, están dentro do arco penolóxico posíbel, pero que, a xuízo da maioría desta Sala, xa non cumpre o parámetro fixado polo Tribunal Supremo na súa sentenza cando cualificaba a pena imposta como 'moi próxima ao mínimo legal', ou como 'pena superior ao mínimo legalmente previsto, aínda que moi próxima ao mesmo", argumenta.

A resolución, que poderá ser recorrida diante do Tribunal Supremo, foi adoptada polos maxistrados Joaquín Galve Sauras, presidente do TSXN e relator da mesma, e Francisco Javier Fernández Urzainqui. A terceira integrante da Sala, a maxistrada Esther Erice Martínez, formulou un voto particular no que avoga por desestimar a revisión de condena.

A Sección Segunda da Audiencia Provincial rexeitou o pasado febreiro a solicitude de revisión proposta pola defensa deste condenado. Solicitaba que a pena de 15 anos pasase a 13 anos e 9 meses. Contra esa denegación interpuxo recurso de apelación ante a Sala do Civil e Penal do TSXN. Todas as acusacións —a fiscal, a denunciante, o Goberno de Nafarroa e o Concello de Iruña— solicitaron a súa desestimación.

Na resolución xudicial, os dous maxistrados explican que a reforma operada na citada lei "é máis favorábel" ao condenado, ao rebaixar sensibelmente a mencionada lei a pena mínima correspondente ao delito cometido. Deste modo, consideran "razoábel conforme coa legalidade, respectuoso coas regras legais básicas de determinación da pena e acomodado aos criterios de proporcionalidade" fornecidos polo propio Tribunal Supremo na sentenza que se revisa, rebaixar a pena imposta de 15 anos de prisión a 14 anos de prisión.

"O mantemento da pena de 15 anos imposta na sentenza deixaría de gardar a proximidade ao mínimo legal do arco penolóxico previsto, que a Sala sentenciadora [o Supremo] considerou e fixou como parámetro ou referente na súa individualización. Dito doutra maneira, afastaríase del, agravando a situación relativa do penado que de 9 meses de prisión por riba da mínima entón prevista pasaría a soportar unha pena 2 anos superior á mínima que lle correspondería conforme á Lei Orgánica 10/2022", explican os maxistrados.

Sobre a procedencia da revisión de penas impostas por aplicación da lei posterior máis favorábel, engaden os maxistrados que a xurisprudencia do Tribunal Supremo vén considerando menos gravosas ou máis favorábeis ou beneficiosas as novas penas que, aínda mantendo o límite superior do baremo aplicábel, reducen o limiar ou límite inferior da súa extensión temporal.

Na sentenza do 4 de xullo de 2019, cuxa pena se revisa, o Tribunal Supremo declarou que "a extensión da pena legalmente prevista, conforme ao disposto nos artigos 180.1 e 2 e 74 do Código penal, é desde 14 anos, 3 meses e 1 día de prisión até 18 anos de prisión", que, en base á continuidade delituosa, permite chegar na imposición da pena estabelecida "até a metade inferior da pena superior en grao".

O Tribunal Superior detalla que, tras a reforma operada pola Lei Orgánica 10/2022 e a redacción dada aos artigos 179 e 180.1, a pena aplicábel sería de 7 a 15 anos de prisión. Pero en aplicación do artigo 180.2, ao concorrer as mesmas dúas circunstancias agravatorias reproducidas no artigo 180.1.1ª e 2ª, imporíase na súa metade superior —de 11 a 15 anos— e pola concorrencia da continuidade delituosa (art. 74 do CP) habería de selo na súa metade superior podendo chegar á metade inferior da pena superior en grao. É dicir, seguindo a dosimetría contemplada pola sentenza que se executa, a pinza tras a reforma debería ir desde os 13 anos e 1 día aos 18 anos que sinala como límite máximo o Tribunal Supremo na súa sentenza.