Reavívase o conflito polo acceso a Ons

A veciñanza pendurou onte unha pancarta reivindicativa no pazo municipal de Bueu.
Cun feche no salón de plenos do Concello de Bueu, iniciado na mañá de onte, está a responder a veciñanza á reserva de prazas habilitada para a poboación a pasada sexta feira pola Xunta para acceder á illa de Ons. 

As 300 prazas que permite a plataforma supoñen "a ruptura" do acordo asinado coa Xunta en setembro do ano pasado, tras meses de conflito, "no que se estabelecía en 800 o número de autorizacións para veciñas e veciños, diferenciadas do cupo xeral para visitantes." 

"A idea é quedar aquí até que a Xunta cumpra", sostén a presidenta da Asociación de Veciños e Amigos de Ons, María José Pérez, que acusa a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, de modificar de forma unilateral as condicións pactadas para o sistema de acceso á illa coa veciñanza e o Concello e, á Xunta, de non atender ningunha das súas peticións de información nas últimas horas. 

Como sinala, esta fin de semana foi a primeira na que a veciñanza puido regresar a Ons. Foi ao acceder á páxina de autorizacións da Xunta cando a entidade detectou o cambio das condicións. "Nin sequera saíu de nós a cifra das 800 reservas, senón que partiu dun cálculo da Xunta sobre as 86 vivendas que hai na illa. Para nós eran sobradamente suficientes, pero o que agora se habilita levounos a mobilizarnos", expón.

A asociación desvincula tamén esa redución de prazas ás restricións polo coronavirus, que si están tendo impacto na súa protesta. "Aínda que na mañá tivemos visitas, non nos xuntamos máis de dez ou doce para cumprir coas medidas de distancia", advirte Pérez.  

Contra a declaración da illa de Ons como Patrimonio da Humanidade

O "incumprimento" por parte da Xunta do número de reservas para persoas da illa implica, para a asociación veciñal, unha creba do pacto, que no lado da veciñanza supoñía o apoio –en contra da súa posición inicial– á candidatura para a declaración de Ons como Patrimonio da Humanidade. "Se eles rompen a súa parte do trato, nós entendemos que a nosa tamén rompe", advirte agora a entidade.