Reaniman unha muller que sacaron inconsciente da auga na praia de Baltar, en Sanxenxo

A muller foi reanimada en Baltar polos servizos de emerxencias. (Foto: Concello de Sanxenxo)
Foi trasladada en helicóptero ao Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Os servizos sanitarios conseguiron reanimar na mañá desta sexta feira unha muller á que sacaron da auga inconsciente na praia de Baltar, en Sanxenxo (O Salnés). Posteriormente, foi trasladada ao hospital nun helicóptero medicalizado.

Segundo informan fontes dos servizos de emerxencias citadas pola axencia Europa Press, varios particulares daban o aviso á central de emerxencias do 112 contra as 10.40 horas desta sexta para indicar que rescataran da auga unha muller que parecía que "estaba a afogar", ao atoparse boca abaixo.

Acto seguido, compareceron no lugar profesionais sanitarios do centro de saúde de Baltar, unha ambulancia do 061, a Policía Local de Sanxenxo, a Garda Civil e os servizos de emerxencias.

Os sanitarios conseguiron reanimar a muller, que, pola información transcendida até o momento, entrara xa en parada cardiorrespiratoria. Posteriormente, foi trasladada xa en estado consciente ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.