A realidade do investimento en I+D na Galiza desminte o discurso oficial

Laboratorio de investigación (Pixabay)

Representa 0,94% do PIB, lonxe do 1,24% que é a media do Estado español. No último ano o gsto en investigación e desenvolvemento aumentou na Galiza en 3,3%, a metade do incremento medio no Estado (6,3%). 

A referencia ao I+D+i como elemento imprescindíbel para o desenvolvemento económico e albo dos esforzos de investimento da Xunta non falta en calquera discurso dun cargo público que se preze. Porén, a realidade é ben diferente, como mostran os datos do INE (Instituto Nacional de Estatística) que debullan o esforzo en I+D interno nos diferentes territorios.

Os dados, correspondentes ao exercicio 2018, indican como gasto en I+D representou na Galiza 0,94% do Produto Interior Bruto, porcentaxe moi afastada de 1,24% de media do Estado español. Por territorios, a aposta de Euskadi (1,96% do PIB), Madrid (1,7%) e Nafarroa (1,68%) pola investigación e desenvolvemento fica clara. Na Galiza melloramos a respecto do esforzo que faciamos en 2013 (0,85% do PIB) mais non hai unha aposta decidida que nos leve ao pelotón de territorios con políticas e esforzos claros en I+D e mantémonos moi lonxe da media europea, onde ese esforzo está por riba de 2%.

Cómpre lembrar que no plan estratéxico deseñado pola Consellería de Facenda no seu día para Galiza situaba como horizonte en 2020 un investimento do 3%.

Fenda

No Estado español o gasto en I+D interna situouse en 2018 en 14.946 millóns de euros despois de aumentar a respecto do exercicio anterior en 6,3%. Case o duplo do que incrementou na Galiza nese mesmo período (3,3%). No noso país o gasto en investigación e desenvolvemento interno foi de algo menos de 600.000 euros, representando 4% do total do estado, por baixo do noso peso poboacional ou do peso do noso PIB no conxunto estatal.

A etapa máis escura

Ese 0,94% continúa por baixo do gasto neste campo que había cando o desembarco do PP na Xunta en 2009 e que estaba en 1.06%

Entre 2010 e 2014 o noso país perdeu 1.404 investigadores,. Profesionais ben formados que tiveron que ir ao paro ou ben emigrar. O persoal dedicado en Galiza a Investigación, Desenvolvemento e Innovación en relación ao total de emprego en economía era entón 1,03%, porcentaxe tamén inferior á media española, que anda polo 1,3%. Reduciuse nesa etapa un total de 150 millóns de euros ao Plan Galego de I+D+i  e dos fondos que ficaron deixou sen executar por volta de 200 millóns de euros.