Real Academia Galega de Ciencias e Xunta abren a convocatoria dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2021

Imaxe de arquivo dunha entrega de premios neste certam (Foto: RAGC)

Os galardóns recoñecen traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galiza 2021 coa pretensión de recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía.

Os destinatarios destes galardóns son os investigadores e as empresas galegas na súa faceta máis aplicada e de transferencia de coñecemento.

Na súa sétima edición, os galardóns divídense en tres categorías. O premio “Francisco Guitián Ojea” distinguirá un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galiza.

O premio “Fernando Calvet Prats” destacará un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida.

E o premio “Ricardo Bescansa Martínez” galardoará un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. Irá destinado á empresa que implantara con éxito a tecnoloxía transferida.

Hai tres categorías, dotadas cada unha delas con 6.000 euros e un diploma acreditativo

Aos dous primeiros premios poderá concorrer todo o persoal adscrito a centros de investigación emprazados en Galiza, incluíndo os centros tecnolóxicos. Ao terceiro, poderán optar empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado na comunidade.

En ningunha das tres modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que foran premiadas nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da RAGC.

O prazo para a recepción de solicitudes ábrese 1 de marzo e pecharase o vindeiro 30 de abril.

A tramitación das candidaturas farase de modo telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñible nas webs da RAGC (https://www.ragc.gal) e de GAIN (http://gain.xunta.gal). Unha vez cumprimentado, o formulario será remitido ao enderezo electrónico ptt@ragc.gal.