Por que non reaccionaron as agrupacións policiais aos comentarios machistas da ex comisaria de Pontevedra?

Responsábeis de varios departamentos da Comisaría de Policía española de Vigo-Redondela, xunto co comisario local Carlos Valcárcel, e a comisaria de Pontevedra, Estíbaliz Palma (Foto: Europa Press).
Só a delegación na Galiza do sindicato SUP expresou a súa condena mentres as demais agrupacións a nivel estatal, como Jupol e Jusapol, gardaron silencio. Pola contra, un xornal escrito por policías criticou a "lapidación mediática" de Estíbaliz Palma, a comisaria cesada.

A pasada segunda feira o xornal elDiario.es facía públicas unhas palabras da agora ex comisaria xefe de Pontevedra, Estíbaliz Palma, durante un acto de homenaxe en Vigo a un policía xubilado decorrido o 11 de marzo deste ano, nas que chegou a afirmar que "xa lles gustaría a algunhas que as violase un antidisturbios", en relación ás manifestantes que criticaron a actuación dos corpos e forzas de seguridade do Estado español durante o referendo de independencia de Catalunya do 1 de outubro de 2017.

A súa intervención, na que destacaba a carreira do policía xubilado, quen participou no dispositivo desprazado até Catalunya, rematou coas polémicas declaracións de Palma. "Houbo 48 horas nas que parecía a Policía española se transformara e, de súpeto, violaba, maltrataba e non sei cantas cousas máis facía [...] xa lles gustaría a algunhas [independentistas catalás] que as violase un UIP [axente antidisturbios]".

Só unhas horas despois de coñecerse esas polémicas afirmacións, o Ministerio do Interior reaccionou e cesou directamente Palma, segundo a prensa estatal por orde directa de Fernando Grande-Marlaska, logo de contactar coa axente e de que esta confirmase a veracidade dos feitos denunciados.

A sociedade galega amosou un rexeitamento firme a esta conduta da ex comisaria; porén, os sindicatos e agrupacións policiais gardaron silencio. Non hai rastro de comunicado ningún en repulsa a estas polémicas palabras por parte de Jupol, Jusapol e SUP.

Só a delegación na Galiza do SUP publicou unha mensaxe rotunda de condena nas súas redes sociais: "Intolerábeis comentarios que para nada representan os valores da Policía Nacional", dixeron, a respecto dunhas palabras "inxustificábeis e desafortunadas". Mais non houbo reprimenda ningunha nas organizacións policiais estatais.

Pola contra, o xornal dixital H50, escrito e dirixido por profesionais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (FFCCS), segundo explica na súa páxina web, difundiu un artigo no que criticaba a "lapidación mediática" de Estíbaliz Palma, asinado polo seu director de comunicación e membro das FFCCS, José María Puig.

"Estíbaliz Palma é unha figura de referencia na Policía coñecida, alén de pola súa traxectoria profesional, polas súas intervencións en defensa dos dereitos da muller nunha profesión que, desde 'certo sector', sempre se acusou de estar dominada pola estirpe dos 'camisa de botóns, pelo en peito [...]'", expón Puig.

No artigo, se ben cualifica de "amargas" e "fatídicas" as palabras de Palma, o axente cuestiona que "no titular [da noticia de elDiario.es] só se escolleron dez caracteres da súa intervención". "Naquel momento a gravación parou e o arquivo de audio xa se almacenaba na memoria dun terminal e comenzou difundirse [...] Quizais con algún interese ou simplemente por indignación?", prosegue.

"Sen pretender xustificar o inxustificábel, hai que dicir que é inxusta semellante lapidación sen precedentes contra unha muller policía por verter sobre a mesa unhas palabras impropias da institución que representa e cargo que ostenta", engade.