Premio Investigador Mozo da Real Academia Galega de Ciencias

Raúl Santoveña: "O noso algoritmo foi capaz de detectar, entre milleiros, 15 estrelas ricas en fósforo"

Raúl Santoveña. / Nós Diario
É de Manzaneda, ten 28 anos e vén de ser galardoado polo seu traballo no proxecto publicado en Nature Communications e que descubriu unha serie de estrelas ricas en fósforo. Raúl Santoveña forma parte de LIA[2], Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial, adscrito ao CITIC (Centro de Investigación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación) da UDC (Universidade da Coruña). 

Cóntenos que o fixo merecedor deste premio.
Danmo por un traballo adaptado do que publicamos Minia Manteiga, Carlos Dafonte e mais eu na revista Nature Communications, sobre o descubrimento dun tipo de estrelas quimicamente peculiares que nós denominamos 'estrelas ricas en Fósforo'. Falo de que é unha adaptación referíndome tanto ao contido, que está máis enfocado no que eu desenvolvín, como no idioma, neste caso traducido ao galego.

Pero vostede é informático, non astrofísico.
Son, pero o grupo que levou a cabo a investigación é multidisciplinar e está composto por persoas investigadoras da UDC, que somos dous informáticos, Carlos e eu, e unha astrofísica, Minia, e integrado tamén por cinco membros do Instituto de Astrofísica das Canarias (IAC). Este é un traballo de perfil máis próximo á astrofísica pero para acadar a súa finalidade, que era facer este achado, os informáticos do grupo desenvolvemos un algoritmo capaz de detectar entre centos de milleiros de estrelas estas 15 con sobreabundancia en Fósforo.

Como funciona o algoritmo?
Traballamos con espectros estelares que recollen a radiación electromagnética que emite unha estrela, cun rango concreto de lonxitudes de onda. O que fai o algoritmo que creamos é buscar liñas espectrais, que en función das lonxitudes de onda nas que se atopan evidencian a presenza de diferentes elementos químicos, neste caso o fósforo. Usamos técnicas de big data para o procesado de grandes cantidades de información e tamén técnicas de procesamento final que permitisen achar esas liñas en particular.

Cal é a importancia de atopar tanta cantidade dese elemento concreto?
O fósforo considérase fundamental para o desenvolvemento da vida. E desde o punto de vista da astrofísica, os modelos de núcleo-síntese, así como os de evolución galáctica, predín moito menos fósforo do que podemos atopar, tanto no Sistema Solar como no resto da Vía Láctea. Por iso cremos que atopar estas estrelas superabundantes neste elemento pode axudarnos a saber de onde proceden.

De que outros proxectos forma parte?
Actualmente teño unha bolsa predoutoral da Xunta e estou a preparar a tese en Astrofísica computacional, un tema similar, pero no contexto da misión Gaia, un satélite da Axencia Espacial Europea (AEE) que se dedica, entre outras cousas, a elaborar un mapa tridimensional da Vía Láctea. O grupo de investigación do que formo parte, LIA[2], ocúpase principalmente desta misión. Ademais, traballo con proxectos de filtrado de imaxes e de autenticación de usuarios, baseada no seu comportamento... Case todos os meus proxectos teñen en común que poden ser abordados con técnicas de intelixencia artificial, que é no que máis traballo neste momento.

Inclinará cara á astrofísica a súa carreira?

A astrofísica computacional relaciona a informática e a astrofísica e, hoxe en día, en case todos os proxectos importantes manéxanse unha gran cantidade de datos, por iso a informática é de tanta axuda nos traballos multidisciplinares. Desenvolverme no contexto da astrofísica é algo que me encanta, coido que as estrelas son algo que nos fascinaron de nenos e, nese sentido, gustaríame continuar a traballar neste tipo de proxectos.