Ratificado o nomeamento de Ricardo Cao como reitor da UDC, que tomará posesión esta terza feira

Ricardo Cao, novo reitor da Universidade da Coruña. (Foto: UDC).
O nomeamento prodúcese despois de que Cao fose elixido nas eleccións ao Reitorado do pasado 4 de decembro. Sucede no cargo a Julio Ernesto Abalde, que era reitor desde o ano 2016.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta segunda feira o nomeamento do profesor doutor Ricardo José Cao Abad como reitor da Universidade da Coruña (UDC), tras ser este aprobado polo Executivo galego na súa reunión da pasada quinta feira. Tomará posesión do cargo esta terza feira día 16. O nomeamento prodúcese despois de que Cao fose elixido nas eleccións ao Reitorado do pasado 4 de decembro. Sucede no cargo a Julio Ernesto Abalde, que era reitor desde o ano 2016.

Nacido na cidade herculina en 1965, Ricardo Cao é doutor en Matemáticas e profesor na Universidade da Coruña desde 1991. Desde 1999 é catedrático de estatística e investigación operativa nesta institución.

As súas liñas de investigación abarcan a estatística non paramétrica o 'bootstrap', a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística de datos de gran volume ('big data'), a análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e a modelización estatística en ciencias dos materiais, en risco de crédito, en xenómica e neurociencia e en malherboloxía.

Obras

É autor de varios libros docentes e máis de 130 publicacións científicas. En 2023 recibiu tanto o Premio Nacional de Estatística como a Medalla da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa pola súa contribución ao avance e á proxección da estatística e da investigación operativa nos ámbitos estatal e internacional.