As ratas conquistan a cociña do hospital de Ourense, xestionada polo Sergas

Imaxes de denuncia da praga de ratas e da precariedade das instalacións onde traballa o persoal de cociña do CHUO.
As ratas conquistaron hai meses as instalacións que o persoal da cociña do Hospital de Ourense emprega a diario para elaborar os menús das pacientes ingresadas. Vídeo no interior.

"Andan á vista día e noite. Baixo os trens de lavado, as marmitas e os fogóns; nos fornos, no vertedeiro e nos tanques de aclarado; sobre a louza e sobre a cinta de empratado", asegura o colectivo de traballadores e traballadoras. "A situación está totalmente descontrolada", denuncian en conversa con Nós Diario. E fano unha vez máis por escrito, despois de varias queixas formais ante diferentes departamentos do centro hospitalario e da xerencia da área sanitaria.

"A un equipamento deficiente, suman un contorno de traballo desgastado e inseguro no que destacan as ratas".

O problema, din, vén de vello. "Hai anos que traballamos nunha cociña obsoleta, na que deixaron de acometerse obras, reparacións e fundamentais para o seu correcto funcionamento", explican as empregadas do servizo de cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). En consecuencia, din, levan demasiado tempo encargándose da alimentación das doentes nunhas condicións de hixiene e seguridade moi precarias, "xogando coa saúde das traballadoras e das pacientes", insisten.

A un equipamento deficiente, suman un contorno de traballo desgastado e inseguro no que destacan as ratas. "Andan sen control por toda a cociña. Todos os días atopamos crías nas zonas de labor, vemos como se reproducen, e cando non, oímos como corren polo falso teito".

 

Sangue e excrementos

O persoal do Sergas responsábel da cociña e da alimentación das pacientes rexistrou unha nova denuncia o pasado 12 de febreiro dirixida á Unidade de Prevención de Riscos Laborais, á Dirección de recursos económicos, á Xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, á Xerencia do Sergas, mais aos servizo de inspección e á xefatura territorial da Consellaría de Sanidade.

En senllos escritos, as traballadoras láianse da falta de resposta a un problema reiterado que compromete a saúde e a seguridade das persoas, mais "a normal calidade hixiénica das comidas servidas" dentro do hospital. Critican a calada de quen debería facerse cargo e informan das molestias que lles ten ocasionado ter que traballar entre roedores nunhas instalacións deficientes con "maquinaria inservíbel".

"As traballadoras láianse da falta de resposta a un problema reiterado que compromete a saúde e a seguridade das persoas".

"Esta praga xera ansiedade en moitos traballadores. Temos unha compañeira de baixa por este motivo. Ademais, un operario de limpeza da quenda de noite tivo que ser atendido en urxencias pola dentada dunha rata". No mesmo documento sinalan os restos de sangue e excrementos que se ven na obriga de limpar e a ineficacia do control de pragas implantado, que se limita, din, "a unhas trampas, un pau e un cartón".

Cociña nova

As traballadoras da cociña do CHUO urxen a apertura das novas instalacións, cuxas obras, din "remataron hai 3 meses". O Sergas destinou 5,2 millóns de euros nesta nova cociña, que en palabras do conselleiro Jesús Vázquez Almuíña, en outubro de 2019, quere dotar o complexo hospitalario dun servizo "moderno, eficiente e seguro" de máis de 1.400 metros cadrados. 

"Fiaron a solución á nova cociña e ignoraron a vella"

O persoal da cociña do CHUO decidiu facer pública a súa denuncia sen ánimo de espertar a alarma social, preocupados por unhas condicións de traballo que poñen en risco a saúde e a seguridade das traballadoras mais das doentes. "O Sergas deixou morrer a cociña", explica Fernando Rivas, da CIG Saúde Ourense.

"Hai anos que fiou a solución á nova cociña e ignorou as queixas do persoal sobre o estado do chan, da maquinaria, da instalación eléctrica e tamén sobre a proliferación de roedores". Segundo recoñece Rivas, o mal funcionamento do conxunto motivou algún accidente laboral e dúas denuncias ante a inspección de traballo. "A primeiros de marzo, despois das últimas probas, debería abrir a nova cociña. Confiamos en que o faga axiña e con todas as traballadoras", apunta, pendentes dunha nova clasificación laboral.