Caderno 'Gozar'

Viños: Rara Besta axexa

Martiño Santos e Xosé Gontá (Imaxe: Nós Diario)
Vai para máis de catro anos que os impulsores do espazo enocultural Vide Vide en Santiago animámonos a lanzar unha marca propia de viños: Rara Besta. Foi a evolución lóxica dunha colaboración con distintos viticultores desde a aparición deste proxecto de divulgación e comercialización de viños galegos de pequenas producións e calidade diferenciada, aló polo 2013. No ánimo estivo favorecer comercialmente a creación de novos viños de pequenas viñas ou variedades de uva minoritarias.

Dar xogo e crear proxectos conxuntos con persoas que adican a súa vida a coidar paisaxes, a dar sentido e continuidade a territorios vitícolas históricos. Hoxe Rara Besta xa esgotou algunhas das súas primeiras anadas e reaparece con novas expresións. A maioría das referencias saíron no verán de 2020, e presentáronse no mosteiro de Oia no marco do décimo aniversario da xa emblemática Emoción dos Viños.

Dando forma ao círculo cooperativo deste proxecto colectivo, o artista David Creus trasladou a idea e a visita directa a cada proxecto á marca, ás denominacións e ao deseño das etiquetas das botellas.

O primeiro foi Roberto

Seiva Prima, o primeiro zume da terra de Rara Besta, armouno Roberto Regal desde unha paraxe de Portotide na Ribeira Sacra do Miño. Unha microvinificación de 300 litros xa esgotada.

Roberto estimulounos durante anos a elaborar un viño dentro do seu proxecto Enonatur. A nós estimulounos sempre a súa visión do mundo do viño, en harmonía coa terra, coa historia, coa saúde e coa dignificación profesional da viticultura. Agora son novidade Seiva Prima Penadoso e Seiva Prima Os Bispos.

Esta Rara Besta fixo mitose na anada 2020 en dúas barricas de 225 litros de carballo francés, cada unha delas co viño dunha única viña. Penadoso é unha viña de Taboada, xa no tramo alto do Miño ribeirao. Nun 85% é mencía e nun 15% brancellao. Os Bispos está en Portotide, no Saviñao, zona vitícola fetiche de Roberto pola súa calidade, historia e potencial. Neste viño mestúrase un 80% de mencía con araúxa, alicante e garnacha. Son dous tintos de perfil diferenciado: máis fresco e impetuoso o Penadoso, e máis tranquilo e estruturado Os Bispos.

Rara Besta loureira

A loureira é unha variedade branca chamada así pola lembranza dos seus aromas ao loureiro. Si, ese que non se debe engadir á cocción do marisco, non si? Coñécese como cheirenta nalgunhas zonas do sul. Esta é do Ribeiro e resultou nun viño branco idóneo para acompañar ao marisco. Sen dúbida.

O proxecto que está detrás fíxonos tilín. Solaina Minei é unha empresa creada para agrupar a vontade de máis de 50 veciños e veciñas das Bouzas, en Castrelo de Miño. Xuntaron as súas propiedades e converteron un monte encamiñado ao abandono, en 30 hectáreas de viñedo plantado con castes brancas e tintas tradicionais do Ribeiro.

Na nosa colaboración coa comercialización dos seus viños, suxerimos para Rara Besta un monovarietal de loureira. É rara besta por ser monovarietal no Ribeiro e tamén por ser de loureira, pois é cousa difícil probala soa. A mestura de uvas é moi boa idea porque achega equilibrio e complexidade aos viños xa desde a viña.

Os monovarietais favorecen a posta en valor de uvas minoritarias que debemos recuperar no cultivo, ademais de estimular a curiosidade de quen gozamos do viño. Encantounos e encantou. Esgotouse a primeira anada tamén. No 2020, xa no mercado, a boca gaña densidade e lonxitude, o nariz un chisco de intensidade e mantén o frescor. Dous detalles no proceso de elaboración.

O mosto fermenta cos seus lévedos autóctonos, sen engadir comerciais: loureira pura das Bouzas sen interferencias. O viño non fai a segunda fermentación maloláctica que suaviza a acidez: hai boa maduración e agradécese máis o frescor inicial neste branco.

Dous tintos con Rogelio

Rogelio Moral volveu da emigración e nunca deixou de pensar nas súas viñas. A este home de éxito empresarial en Suíza é doado velo hoxe por Éntoma (O Barco de Valdeorras) subido ao tractor, cortando a herba das súas viñas para evitar dar herbicida, podando, vendimando ou tratando agarimosamente cos animais que o acompañan. Afeito a levantar todo coas súas propias mans, apostou polo seu proxecto vitivinícola familiar na terra, con vocación de crecemento.

Con Rogelio quixemos estimular a produción dun tinto sen crianza en barrica, algo moi frecuente nos seus viños. Cunha mestura de mencía e garnacha tintureira desta boa zona de viños de Valdeorras nun depósito de aceiro inoxidábel, naceu Seiva Muradal, o básico de Rara Besta. Un tinto sinxelo, froiteiro, rico e de corpo medio. Un tinto de terras remexidas hai séculos polos romanos coa forza da presión da auga para extraer ouro, unha terra de mestura que Rogelio chama muradal. Viñas sobre antigas minas de ouro, esa é a expresión do Seiva Au.

Neste caso a aposta por outra variedade minoritaria que historicamente dominaba Valdeorras e boa parte das mellores terras de viños da Galiza: a uva tinta albarello, sinonimia do brancellao. É o zume dunha terra de pasado aurífero extraído a 100% por cepas de albarello.

Barrica grande, de 500 litros, para evitar que a madeira marque en exceso o viño, e trasfegado a continuar a súa crianza en inox aínda coas características primarias do albarello presentes. Cinco viños que fan realidade soños para compartir e gozar.