Raquel Fernández: “É importante que poidamos ter referentes galegas, non só homes ou mulleres de fóra"

Raquel Fernández comezou co seu proxecto en marzo de 2020. (Foto: Nós Diario)
Raquel Fernández é a graduada en Historia que deu comezo á conta de Instagram @mulleresgalegas como unha ferramenta para organizar as súas investigacións persoais sobre distintas mulleres da Galiza, e acabou por convertela nun proxecto de divulgación para dar a coñecer o labor silencioso de moitas destas mulleres que axudaron a construír o país e a nosa identidade nacional. O seu obxectivo é saldar esa débeda que a sociedade contraeu coas nosas devanceiras para que reciban o seu recoñecemento.

-Por que decidiu crear Mulleres Galegas?

Eu estudei un grao en Historia, e ao longo da miña formación decateime de que apenas se mencionaban mulleres. Investigaba pola miña conta pero non tiña tempo para facer un proxecto como este. Ao rematar a carreira, fixen un ciclo, e unha das miñas profesoras provocou que tivera aínda máis curiosidade por investigar sobre as mulleres galegas. De feito, deixoume un libro coas fotos de Ruth Matilda Anderson. Esas imaxes inspiráronme moito. Tratábanse na súa maioría de fotografías de mulleres que se dedicaban a oficios tradicionais. Entón comecei a investigar sobre leiteiras, cigarreiras, lavandeiras... As miñas primeiras publicacións falaban sobre este tipo de mulleres, sen tanta formación académica ou artística. O proxecto naceu durante a corentena como unha conta na que gardaba todo o que investigaba. Pero pouco a pouco descubriume algunha xente, e iso animoume a continuar. Un día, outra divulgadora en redes, Eugenia Tenembaum, compartiu a miña conta, e aí vivín un crecemento exponencial. Penso que ese foi o punto no que Mulleres Galegas se converteu nun proxecto e deixou de ser algo soamente meu.

-Cal é o seu obxectivo coa conta agora que é un proxecto e non só unha actividade persoal?

Este é un proxecto divulgativo e pedagóxico que intenta achegar a historia das mulleres galegas ao público en xeral, e ese é o meu obxectivo principal. Porque penso que é importante que as mulleres poidamos ter referentes que non só sexan homes, mais que tampouco sexan só mulleres de fóra. Está ben coñecer Marie Curie, por exemplo, pero é bo que se lles recoñeza ás mulleres do país todo o seu traballo. Ademais, tamén pretende ser un portfolio que demostra que hai interese pola cultura e que as graduadas en Historia podemos ter capacidades e aptitudes que poderían ser valoradas no mercado laboral, pero que non o son. Porque parece que se condena ao paro todas aquelas estudantes de humanidades que non entran na roda das oposicións, aínda que sei que está moi difícil para todo o mundo en xeral.

-Como afronta cada investigación e posterior publicación que fai na conta?

Non son unha persoa que estea sempre producindo. Preciso dos meus tempos, de inspiración e dun tema que me chame a atención ou dunha muller que descubra e pense que é imprescindíbel que investigue sobre ela porque a xente precisa coñecela. Aí comeza o proceso. A partir dese momento investigo, leo papers, libros, artigos. Despois de asimilar todos eses contidos, comezo a redactar e elaboro o post. A investigación que fago é moito máis profunda do que se reflexa posteriormente nos textos de Instagram, polo propio formato da rede social.

-Que acollida tivo Mulleres Galegas dentro da comunidade de redes sociais?

Penso que moi boa, porque non me esperaba que á xente lle puidese gustar e interesar tanto este tema. A verdade é que teño unha comunidade moi adorábel. Ademais, o feito de que as divulgadoras de contidos en galego tezamos redes entre nós e nos apoiemos mutuamente fai que se produza un intercambio de coñecementos, de experiencias e de seguidoras moi enriquecedor. Todas aprendemos xuntas, e iso é algo moi bonito.

-As institucións xogan un papel fundamental á hora de saldar esa débeda silenciosa coas nosas devanceiras. 

Penso que sobre todo a escola debe xogar ese papel educador. Os libros de texto, as exposicións... deberían amosar unha historia con perspectiva de xénero, inclusiva, na que ambos os xéneros estean representados, co fin de construír unha disciplina máis completa e próxima á realidade obxectiva.