Unha rapaza denuncia que dez mozos abusaron dela ao saír dunha discoteca na Estrada

A Garda Civil investiga este caso, denunciado no cuartel de Cambados, e que tería sucedido o pasado 9 de decembro.

 

 

A Garda Civil investiga un caso de suposto abuso sexual na Estrada por parte dun grupo de dez mozos a unha rapaza de 19 anos de idade. A moza, de Vilagarcía de Arousa, presentou denuncia no cuartel do Instituto armado de Cambados. Os feitos que se investigan tiveron lugar o pasado 9 de decembro por volta das catro da madrugada e nas proximidades da discoteca Lennon, que reabreu a finais de 2015 após varios anos fechada.

 

O relato desta rapaza mantén que acudiu a unha festa en compaña de varias amigas, ás que perdeu de vista. Após procuralas sen éxito no interior da discoteca decidiu saír fóra e achegarse até onde deixaran aparcado o vehículo o que viaxaran até A Estrada, por se elas estaban alí.

 

Foi entón cando se cruzou cun grupo de dez rapaces que terían, segundo a versión, entre vinte e vinte cinco anos. Estes procederon a rodeala e a burlarse dela e, nun momento dado, un deses mozos tentou baixarlle os pantalóns e chegou a desabotoarlle un dos botóns. Os berros da moza alertaron unha parella que saíra da discoteca e que acudiu na súa axuda, momento nos que os mozos se deron á fuga.

 

Os axentes a cargo da investigación xa se entrevistaron con algunhas testemuñas e tratan agora de identificar os atacantes.Na zona non había cámaras de vixilancia.