A Rapa 2018 xa está aquí

Cando unha aldea de 60 habitantes acolle até 20.000 persoas

Henrique Bazal e Manuel Cabada, durante a apresentación da mostra

Unha exposición sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo está a 'tomar' estes días a Alameda compostelá e vaino facer até a terza feira 3X. A mostra inclúe imaxes e información sobre unha tradición centenaria que data do século XVI. 

A exposición é unha das actividades que impulsa a Asociación de Rapa das Bestas de Sabucedo, un máis dos múltiples eventos que realiza no cadro da Rapa 2018, que terá lugar entre os próximos días 6 e 9 de xullo. A previsión da organización é que, como xa ten acontecido en edicións anteriores, a pequena aldea de apenas 60 moradores acolla durante eses días un mínimo de 20.000 persoas visitantes.

 

A axenda da Rapa 2018 ten a súa pistolada de saída na noite da quinta feira 5X, coa IX Gala na Honra e Louvanza dos Aloitadores e terá o seu ponto culminante na "baixa" dos cabalos e bestas desde o monte na mañá da sexta feira 6X e nos curros do sábado 7 (19 horas), domingo 8 (12 horas) e segunda feira 9 (12 horas). 

 

Rapa e música

 

A música non podía ausentarse e a noite da sexta feira será a quenda do festival RapaSons. No cartaz, Davide Salvado, Fillos de Estramonio, Festicultores e Liviao de Marrao. Oficiará como apresentadora Isabel Risco.

 

Unha Rapa global

 

A Rapa é un fenómeno que levanta interese en moitos cantos do planeta. Tanto que -revelou o presidente da asociación, Henrique Bazal, no acto de apresentación da exposicion- por volta de 70 xornalistas de distintos países se teñen acreditado para cubrir o evento. Haberá representantes de meios do Estado español, Portugal, Francia, Italia, Países Baixos, México, Colombia e os Estados Unidos.