Ourense

O rañaceos máis grande do Estado para a cidade que lidera o ranking estatal de vivendas baleiras

(Europa Press)

Pérez Jácome propón construír en Ourense un edificio de 80 pisos e 300 metros, que presenta como reclamo turístico. A ‘área metropolitana’ de Ourense é a que ten maior porcentaxe de inmobles deshabitados de todo o Estado español: 22%.

O Concello de Ourense quer construír un rañaceos de 80 andares na coñecida como ‘Finca Deputación’, terreo propiedade da entidade provincial que dirixe Manuel Baltar.

“Estariamos perante o rañaceos máis grande do Estado, con máis de 300 metros e un dos 5 primeiros de Europa”, apontan desde o goberno local, que insiste en que este edificio suporía “unha atracción de visitantes garantida”.

Este proxecto quéreo desenvolver Pérez Jácome na cidade que lidera o ranking de vivendas baleiras no Estado. A ‘área metropolitana’ de Ourense é a que ten maior porcentaxe de inmobles deshabitados: 22%. No informe de Indicadores Urbanos do INE tres cidades galegas lideran a clasificación no Estado de urbes con maior porcentaxe de vivendas deshabitadas. Unha listaxe de 111 cidades na que o primeiro posto corresponde á catalá Manresa, onde 23,8% das vivendas están baleiras. En segundo posto figura Ourense, con 21,7%; seguida de Lugo, con 20,7% e de Ferrol, con 19,7% das súas vivendas sen habitar. A media estatal é de 13,6%.

Así pois, das catro cidades do Estado onde hai maior porcentaxe de vivendas baleiras, tres son galegas. Pontevedra figura nesa lista no posto décimo primeiro. Na cidade do Lérez de cada 100 vivendas, 17 están deshabitadas (17,4%). En Compostela a porcentaxe é de 16,9%, sendo a capital de Galiza a 14ª cidade do Estado con maior proporción de domicilios deshabitados. A Coruña (no posto 31, con 14,2% das vivendas nese estado) e Vigo (12,9%) completan a representación galega.

Porcentaxes todas elas moi afastadas das cidades madrileñas de Coslada, Majadahonda, Alcobendas e Móstoles, onde a porcentaxe de vivendas sen habitar non chega a 4%.

Aliás, todo isto nun escenario no que a construción de vivenda social en Galiza está en mínimos. En 2017 houbo en Galiza 12  vivendas protexidas rematadas, a cifra máis baixa entre todas as comunidades do Estado español. A anos luz da vivenda social en Madrid e Barcelona, mais tamén de territorios con menos poboación ca nós, como Euskadi, Aragón, Asturies, Estremadura ou Castela-A Mancha.