PERGUNTA NO CONGRESO

Mariano Rajoy, sobre o ébola: “O contaxio non é doado”

O Ministerio de Sanidade traballa coa hipótese do contaxio da enfermeira galega na manipulación do traxe de protección. Pedro Sánchez, líder do PSOE, fala de "gravísimas responsabilidades políticas".

 

O ébola chegou ao Congreso español. O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, decidiu variar a pregunta que ía facer na sesión de control ao goberno (sobre o emprego) e inquerir a Mariano Rajoy sobre o protocolo da Mocloa para afrontar o contaxio de ébola da sanitaria galega. O presidente español quixo facer unha chamada á calma e tranquilidade e pediu que se deixase traballar aos expertos e profesionais sanitarios. “O contaxio non é doado”, engadiu.

Neste sentido, desde o Ministerio de Sanidade estase a traballar con varias hipóteses de contaxio, unha delas a de que este puidese producirse no momento de se quitar o traxe de protección e aillamento. Xa hai colectivos que sospeitan que se estea a preparar o camiño para que as únicas responsabilidades por este primeiro caso de ébola en europa recaian na persoa contaxiada.

A enfermeira de Becerreá, e que levaba case quince anos traballando en centros sanitarios de Madrid ("El País' salienta que, após varios anos na capital do Estado, aínda mantiña o seu sotaque galego), está a ser tratada cun anti-viral experimental e un soro como o emprego coa monxa contaxiada que se curou.

O Ministerio mantén baixo vixilancia a 52 persoas coas que esta muller tivo contacto e illadas a tres delas, entre elas o seu compañeiro. Este impulsou nas últimas horas unha campaña para que non se sacrifique a ‘Excalibur’, o can da enfermeira. Reuniu ducias de milleiros de sinaturas de apoio.

O PP fala dunha campaña contra a ministra Ana Mato, unha “cacería” que, apontan, desenvolve a esquerda desde que se viu salferida no escándalo Gúrtel. 

Cargas contra @s animalistas 

A policía cargou esta cuarta feira contra un grupo de persoas que se concentraban ás portas do edificio no que habita a enfermeira galega atinxida por ebola. 

Defensor@s dos dereitos dos animais tentaban impedir que operari@s da Comunidade de Madrid o executaren --após contar cunha orde xudicial. As persoas concentradas defendían o illamento do animal e o seu estudo antes de o sacrificaren. 

Cando @s operari@s procederon ao traslado do can @s manifestantes tentaron frear o vehículo, momento no que se produciron as cargas policiais. 

Na xornada de onte (7 de outubro) o home da enfermeira contaxiada de ébola difundiu através das redes sociais e medios de comunicación unha mensaxe para impedir que Excálibur --como se chama o can-- fose sacrificado. Finalmente as autoridades actuaron malia as numerosas mostras de rexeitamento amosadas, mesmo pola propia familia.