Entrevista

Rafael Pérez de Lis, psicólogo: "Non hai tradición dunha xustiza reparadora, senón punitiva"

Rafael Pérez de Lis tamén exerce como formador en prácticas restaurativas. (Foto: Nós Diario).
Rafael Pérez de Lis é psicólogo, experto en prácticas restaurativas e intervención social. É tamén un dos profesionais recoñecidos este ano coa medalla o mérito profesional da Escola de Mediación e Resolución de Conflitos pola súa achega a unha xustiza reparadora, aberta ao diálogo, con menores que cumpren medidas xudiciais.

—Vostede traballa no Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto (Ciema) de Pontevedra. Cal é o seu labor aí?
No Ciema o que facemos é executar as medidas xudiciais impostas a menores que cometeron algún delito e foron condenados ou, no seu caso, as medidas extraxudiciais pactadas antes do xuízo. O equipo educativo traballa o plano formativo da rapazada, as dinámicas familiares e sociais. Eu, como psicólogo, asumo a intervención terapéutica e céntrome na asunción da súa responsabilidade nos feitos que deron lugar ás medidas xudiciais. Esa é a parte restaurativa do meu traballo con elas e con eles. O meu obxectivo último, moi difícil de alcanzar, é chegar a facilitar un encontro coas persoas ás que danaron.

—Que diferencia unha mediación dun encontro restaurativo?
Se o traballo fose de mediación, o encontro sería entre o rapaz ou rapaza que cometeu o dano e a súa vítima directa, pero un encontro restaurativo o que fai é engadir comunidade, comunidades de apoio de ambas as dúas partes, tanto da persoa que fixo o dano como da que foi danada. Non hai moito tiven unha reunión restaurativa entre un mozo que saíndo de festa colleu un quad que non era seu, súa nai e seu pai, o dono da propiedade na que entrou e o neno de 9 anos ao que pertencía o quad roubado. 

—É doado chegar aí?
Non, a porcentaxe é ínfima. Unha das eivas que ten o sistema retributivo de xustiza é que dana a persoa que cometeu a infracción. Esa é a teoría da pena: vouche impartir un dano proporcional ao que ti causaches. O sistema o que fai é converter a rapazada infractora en vítima e cando chego a traballar con ela teño que remontar todo ese dano que sofre. Porque cando eu lles pregunto: "Quen cres que se viu afectado polo que ti fixeches?", máis de 95% dos rapaces e rapazas que cometeron a infracción responden: "Eu". Non son capaces de ver máis aló do dano que lles produciu o sistema: a policía durante a súa detención, a fiscalía nas súas entrevistas, o equipo técnico... Un sistema xudicial que os convida a aceptar un relato dos feitos co que non están conformes por un acordo. Chegar a un encontro coas vítimas desde este punto de partida é moi complicado. E cando existe a posibilidade, moitas veces son as vítimas as que non queren saber nada do proceso, porque no xulgado tampouco se sentiron escoitadas e porque a sociedade ten moi interiorizado o sistema retributivo como única forma de facer xustiza.

—Cal é o proveito que obteñen as partes na reunión restaurativa?
O maior proveito é o proceso en si, no que se escoitan sen que haxa un xuízo ou unha crítica, no que se estabelece un diálogo amplo que á rapazada lle serve para comprender o alcance do que fixo e ás vítimas para liberarse e mesmo para entender a circunstancias de quen lle fixo dano. E isto, finalmente, permítelles a posibilidade de poder avanzar, de chegar a un acordo de paz, o que eles propoñan. Cunha reunión restaurativa mesmo se pode dar por finalizada a medida xudicial se a xuíza de menores o considera apropiado. Polo tanto unha reunión restaurativa permite resolver conflitos que é algo que o modelo retributivo non fai.

—Por que a xustiza non promove unha intervención restaurativa?
Primeiro porque non existe unha tradición restaurativa senón punitiva, non estamos acostumados a traballar na reparación do dano, e segundo, a lei do menor en fase de instrución non permite a conciliación cando hai violencia ou intimidación, nestes casos exixe unha condena. Pero tampouco hai coñecemento nin formación nestes enfoques para iniciar procesos realmente reparadores e menos perversos. Hoxe o máis que piden desde os xulgados á rapazada é que escriban unha carta de perdón. Non hai máis. Habería que sensibilizar os operadores de xustiza, que aínda interpretan o modelo restaurativo como unha sorte de xustiza branda.

Convivencia escolar, círculos de diálogo

"Se fósemos unha sociedade máis disposta ao diálogo, seguro que o ámbito xudicial camiñaría neste sentido", reflexiona Pérez de Lis, quen apunta que sucedería o mesmo nas escolas ou na contorna familiar, dous espazos moi enfocados aínda nun modelo punitivo. "Parece que o castigo é case o único recurso que temos para intentar cambiar o comportamento das crianzas".

Desde unha visión restaurativa, apunta o tamén xestor en convivencia escolar, a alternativa ao castigo é o diálogo, "mais para iniciar un proceso así o primeiro é recoñecer o dano causado, porque sen recoñecemento non hai posibilidade de diálogo, de sentarse a falar, entendernos, ollarnos á cara e recuperar a humanidade que perdemos durante o conflito".

Antes diso, desde unha posición proactiva, anima a "mellorar a convivencia, forxar vínculos e fortalecer o sentido de comunidade", algo no que xa traballan algunhas escolas.