Día contra o cancro de mama

Rafael López, oncólogo e investigador: "O cancro de mama é un modelo para o resto de tumores"

Rafael López é o xefe de servizo Oncoloxía médica do CHUS. (Foto: Sergas).
Rafael López (Vilamartín de Valdeorras, 1959) é xefe de servizo de Oncoloxía do CHUS e director do grupo de investigación Oncomet, líder no estudo da biopsia líquida co fin de frear os procesos de metástases. O cancro de mama é parte da súa práctica clínica e de investigación, neste caso a través de distintos ensaios clínicos.

—É posíbel falar con precisión da incidencia do cancro na Galiza?
No Estado e na Galiza temos un problema importante, e é que non existe un rexistro de tumores. Mentres tanto, os datos que manexamos son extrapolacións dos resultados obtidos en territorios de Europa e de España, como o País Vasco ou Granada, que si teñen rexistro de tumores e que coñecen perfectamente a incidencia do cancro nas súas zonas. É unha necesidade imperiosa, algo que desde o ámbito científico levamos pedindo moito tempo e que ten todo o sentido, porque se non sabemos exactamente o que temos, mal lle podemos pór solución. 

—Con todo, é seguro é que os casos de cancro aumentan cada ano.
É evidente que hai un incremento ligado ao envellecemento da poboación. O cancro vai moi asociado á idade. En sociedades con esperanzas de vida moi curtas apenas hai cancro, naquelas onde a esperanza crece o cancro tamén. Pero ademais deste lixeiro aumento do número de cancros hai que destacar o incremento da supervivencia dos doentes. Isto é importante porque ten moitas repercusións, desde o punto de vista asistencial e social. A sociedade ten que adaptarse e buscar medidas para que todos os superviventes poidan reincorporarse.

O gran problema do cancro son as metástases. Son as responsábeis de 90% das mortes desta doenza.

—O cancro de mama é un dos que mellor taxa de supervivencia ofrece, que contrasta co prognóstico máis negativo dos tumores metastáticos.
O gran problema do cancro son as metástases. Son as responsábeis de 90% das mortes desta doenza. No caso particular do cancro de mama a esperanza de vida supera xa 85%. Mais o prognóstico no caso do cancro de mama metastásico é malo, como en todos os demais cancros, se ben é certo que se están a conseguir medianas de supervivencia cada vez máis largas. A do cancro de mama metastásico máis frecuente, o luminal, dependente das hormonas, xa supera os cinco anos, ao igual que outro subtipo, o HER2. Isto significa que hai quen pode vivir un ano con estes tumores e hai quen pode chegar aos 10 ou aos 15. Salvo o cancro de mama metastastásico máis agresivo, o triplo negativo, cunha mediana de supervivencia dun ano, o resto están a incrementar as súas. E vano facer máis nos próximos anos.
 
—Serve o cancro de mama para ilustrar como se estudan os tumores e como se afrontan desde o  punto de vista da prevención, o diagnóstico e o tratamento?
Sen dúbida é un dos máis frecuentes a nivel mundial e un modelo de evolución da oncoloxía e de estudo do cancro. A prevención é moi complexa, depende moito de factores hormonais e aí pouco se pode actuar até o de agora. Pero é un cancro cun diagnóstico precoz bastante eficaz a través da mamografía. O programa de cribado é modélico na Galiza, cun impacto moi positivo na supervivencia. 

No estado español a espera media por novos fármacos aprobados pola EMA é de 500 días, cando é o territorio que máis ensaios clínicos acolle

No século pasado os únicos tratamentos eran as cirurxías, moi mutilantes. Evolucionou e hoxe é moi conservadora. A radioterapia tamén xoga un papel importante e a canda esta os tratamentos médicos: os hormonais, as quimioterapias, os tratamentos dirixidos, a inmunoterapia. Están achegando anos e calidade de vida. Tanto a aos cancros que presenta tumores locais, no peito, como aos que presentan metástase desde o inicio. Claramente é un modelo para o resto dos tumores.

—Que non hai dous iguais. 
Hoxe estamos no que chamamos oncoloxía de precisión, que enlaza coa investigación. Todos os tumores e todos os doentes son diferentes, o que nos leva a buscar tratamentos personalizados. O futuro pasa por fármacos cada vez máis precisos que afecten as vías alteradas nun momento concreto, nun paciente e nun tumor.

500 días de espera por un fármaco

"Hai un atraso evidente no acceso a fármacos autorizados pola EMA", afirma Rafael López. De entrada, o sistema de aprobación de medicamentos en Europa é máis lento que o americano, di, "case un ano". Pero unha vez autorizados, "Alemaña financia eses tratamentos aos poucos días, mentres que no estado español a espera media é de 500 días, cando é o territorio que máis ensaios clínicos acolle". López advirte dun grave prexuízo para as doentes e da "frustración dos clínicos", que privados de fármacos que xa probaran con eficacia. "Urxen sistemas lóxicos que compaxinen os avances coa sostibilidade do sistema".

Estudando o sangue, que leva os tumores a implantarse noutro sitio, poderemos saber máis dos procesos de metástase e pórlles solución"

Os ensaios clínicos e o estudo das metástases ocupan boa parte das investigacións que lidera no IDIS a través do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet). "Intentamos estudar as metástases a través da biopsia líquida. Estudando o sangue, que leva os tumores a implantarse noutro sitio, poderemos saber máis dos procesos de metástase e pórlles solución".