Rafa Díez, xa en liberdade, pide “ambición” para impulsar un proceso independentista vasco

Imaxe de Naiz

O ex-secretario xeral de LAB saíu da prisión de El Dueso (Cantabria) após seis anos e medio de cárcere polo caso Bateragune.

A finais de 2015 saía de prisión o único director dun periódico que estaba preso en Europa occidental, Javier Salutregi, de Egin, após cumprir 8 anos de prisión como consecuencia do macrosumario 18/98, o ‘Todo es ETA de Baltasar Garzón levado á súa máxima expresión. Este 17 de agosto saía doutra prisión española un sindicalista, Rafa Díez Usabiaga, após pasar seis anos e medio de cárcere polo caso Bateragune’. Dous exemplos de a onde levou a teoría garzoniana no conflito vasco.

 

A saída do cárcere do exsecretario xeral de LAB fecha o ‘caso Bateragune’, polo que cinco persoas pagaron con anos de prisión a aposta en impulsar a solución ao conflito. Díez abandonou El Dueso (Cantabria) pouco antes das oito e media da mañá e alí foi recibido por un cento de familiares e amigos, para alén de dirixentes da esquerda abertzale. A prohibición da Delegación do Goberno impediu que houbese acto de recebemento, acto que se trasladou a Muskiz, nun acto convocado polo sindicato do que foi secretario xeral, LAB, e que terá continuidade pola tarde na súa vila natal, Lasarte-Oria.

 

Díez agradeceu o apoio recibido ao longo de todos estes anos e pediu a fin da dispersión dos presos vascos. No acto, que decorreu no barrio de Pobeña, o sindicalista pediu audacia e criticou a “falla de ambición” para articular e impulsar un proceso independentista en Euskal Herria.

 

“Hai condicións obxectivas para avanzar nun escenario de soberanía e cambio social”, afirmou, tanto no plano institucional, como sindical e social. Apostou en facer entre todos os axentes soberanistas “unha liña de actuación conxunta” e construír unha nova “cultura de compromisos”.

 

Díaz cargou contra a política penitenciaria española, “secuestrada polo PP” e chamou a unha modificación da mesma para permitir un escenario de “paz e convivencia”, que leve a que “os presos políticos vascos estean en Euskal Herria en liberdade”.

 

Unha delegación da CIG encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Servizos e Afiliación, Renato Núñez, estivo presente á saída de Díez do cárcere. "Alegrámonos pola liberación de Rafa Díez, loitador incansábel polos dereitos da clase traballadora de Euskal Herria e de todo o mundo, así como un militante que sempre traballou por unha Euskal Herria libre e socialista e por un escenario de paz, liberdade e democracia. Pareceríanos inxusto non lembralo", afirma a central nun comunicado.