Radiólog@s denuncian que a Xunta ''manipula datos para contratar enfermeiros en lugar de técnicos''

O cadro de persoal de técnic@s superiores en imaxe para o diagnóstico concéntranse para queixarse de que as súas condicións laborais non se axustan á normativa vixente. "Sométennos a descrédito para diminuír máis aínda os nosos dereitos laborais", subliñan

O cadro de técnic@s superiores do servizo de radioloxía da área sanitaria de Compostela protagonizarán esta terza feira unha concentración ás portas do hospital clínico da capital galega para denunciar que a dirección xeral de Enfermaría da xerencia xeral integrada "manipula os datos para poder contratar enfermeiros en lugar de técnicos". "Sométennos a descrédito para diminuír máis aínda os nosos dereitos laborais", acrecentan.

A través dun comunicado de prensa, @s traballador@s informan de que en 2007-2008 a Xunta procedeu a unha "reestruturación" no servizo de radioloxía do Clínico e do hospital de Conxo para adaptar os cadros de persoal ás funcións específicas contempladas para cada categoría profesional. Mais, a día de hoxe, as condicións de traballo "non se adaptan á esa realidade".

Denuncian @s técnic@s que desde a dirección xeral "non xustifican nin respostan por escrito" á colocación de enfermeir@s á fronte das salas de ecografía e vascular, ou perante o manexo de aparellos que desprenden radiación ionizante no servizo de hemodinámica, e recalcan que unha setenza do xulgado do Social nº1 de Compostela "xa sinalou que tales funcións corresponden a técnicos de radioloxía". Engaden que a diferencia salarial non xustifica tampouco a preferenza por profesionais da enfermeiría, pois existe unha diferencia de 455€ ao mes entre o que cobra un ou unha técnica e un ou unha ATS.