Só no semanario

Radiografía do sector eléctrico: un 'choio' para as empresas

[Imaxe: C.H. Tambre]

Galiza é unha potencia en xeración e transformación enerxética; tanto que exporta anualmente arredor dun terzo da que produce, descontadas as perdas por mor do transporte interno e cara a outras zonas do Estado. Con todo, a calidade do servizo deixa moito que desexar. Dedicamos a isto o tema de primeira do Sermos Galiza 234. Eis un extracto.

Os cortes de subministro eléctrico que nas últimas semanas padeceron centos de galegas e galegos son só unha demostración das carencias que arrastran as infraestruturas da rede no país, utilizado na práctica polas compañías eléctricas que teñen en réxime de concesión ducias de instalacións como simple fornecedor de enerxía doutras zonas do Estado nas que, por certo, os problemas de transporte e distribución son só unha anécdota.

Así, os últimos dados, achegados pola compañía con maior número de persoas usuarias no país, Gas Natural Fenosa, apuntan que en 2016 os residentes en Madrid soportaron, de media, 13 minutos de interrupción do servizo –o denominado tempo de interrupción equivalente da potencia instalada, TIEPI– polos 74 de cada residente na Galiza.

O país é unha potencia en xeración de enerxía e iso, no marco actual, semella un problema. O sector exporta de media cada ano entre o 30 e o 40% da enerxía que se produce e/ou transforma e, porén, o prezo que paga por kw consumido é o mesmo que o que aboan os residentes noutros territorios que nada ou moi pouco producen e, o que aínda pode parecer máis grave, o servizo é –aí están os dados do Tiepi- moito menos estábel.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 234, á venda xa na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]