Radiografía da Galiza migrante

[Sierra, 2003]

No país moran 90.354 persoas migrantes, 12.099 menos que no 2013. A maior parte delas proceden de Portugal, Romanía, Brasil, e Marrocos.

 

A exclusión de Djiby Fall e Cheikh Faye da candidatura do BNG-AA da Coruña para as eleccións municipais puxo o foco de atención na realidade que atinxe as persoas migrantes que residen na Galiza. Estes dous senegaleses de orixe e coruñeses de residencia súmanse ás 90.354 persoas extranxeiras que moran no país. Coma eles, moitas non contan con dereitos políticos recoñecidos por mor dunha lexislación electoral que nega o sufraxio activo e pasivo a quen non conte con nacionalidade española/comunitaria ou non proveña dun dos 13 estados cos que o Reino de España asinou convenio bilateral para tales efectos. 

En total, na Galiza, hai 81.497 persoas migrantes en idade de votar (máis de 20 anos, segundo o IGE). Aínda así, nas vindeiras eleccións municipais só poderán exercer ese dereito migrantes procedentes dos Estados membros da Unión Europea, Bolivia, Cabo Verde, Chile, Colombia, Corea do Sur, Ecuador, Islandia, Noruega, Nova Zelandia, Paraguai, Perú e Trinidade e Tobago, que estivesen inscrit@s no censo electoral antes do 30 de decembro de 2014 e manifestasen antes desa data a súa vontade de participar nos comicios.

Esta realidade normativa --fixada na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral-- exclúe as persoas que, como no caso de Djiby Fall, embora levaren 13 anos residindo e traballando na Galiza, non cumpran cos requirimentos exixidos por seren oriondos de Senegal, Marrocos, Bolivia ou Guatemala, por exemplo. A estas persoas só se lles recoñecerá o dereito de sufraxio activo e pasivo de solicitaren e sérelles concedida a nacionalidade española. Un feito ao que só poden acceder após 10 anos --acreditados-- de residencia no territorio español e logo dun longo proceso burocrático. 

O pobo migrante e un país con cada vez menos xente 

Galiza é un pobo emigrante. Así o reflicten os dados demográficos que ao longo da historia rexistraron o éxodo masivo de poboación cara á Latinoamérica, o centro de Europa ou outras formacións sociais inseridas no Estado español, como Euskal Herria e Catalunya. De Bos Aires mesmo se chegou a dicir que era a 'quinta provincia' cando en 1950 acollía 100 mil galeg@s chegad@s de todos os recunchos do país. 

Por áreas xeográficas son A Coruña (32.412) e Pontevedra (31.924) as provincias que maior densidade de poboación migrante

A situación non ten mudado moito nos últimos anos. Neste senso, desde que estourou a crise económica en 2008 cóntanse por centos de miles as persoas que se viron abocadas a abandonar o país na procura dun posto de traballo e un proxecto de vida. Os dados sinalan que nestes sete anos 142 mil persoas entre os 20 e os 34 anos tiveron que emigrar, o que agudizou a crise demográfica que atinxe Galiza. 

Ao contrario do que ten acontecido noutros lugares, como Barcelona ou Madrid, o país non ten sido destino de grandes migracións. Porén, si que se contan por miles as persoas procedentes doutros territorios do mundo que viñeron a Galiza á procura dunha mellor vida. No concreto, o Instituto Galego de Estatística (IGE) cifra en 90.354 persoas a poboación extranxeira o que representa o 3,6% do conxunto da poboación (2.731.406 habitantes). Cifras moi afastadas da realidade que atinxe, por exemplo, o distrito de Ciutat Vella en Barcelona, onde o 40% da poboación (46.070 persoas) é migrante ou El Raval onde ascende ao 47,11%.

Por áreas xeográficas son A Coruña (32.412) e Pontevedra (31.924) as provincias que maior densidade de poboación migrante posúen cuxa orixe é, principalmente, da UE (13.390), Suramérica (9.566) e África (4.675). Por nacionalidades, para alén da cidadanía comunitaria --nomeadamente Portugal(6.434) e Romanía (2.753); son o Brasil (2.637) e Marrocos (2.447) as máis numerosas. 

Nos últimos anos, o número de persoas migrantes que residen no noso país descendeu de maneira notábel (12.099 menos que no 2013) revertendo na queda da poboación e afondando na crise demográfica.