O RadarCovid resulta unha oportunidade perdida para controlar a pandemia

Unha persoa consulta a aplicación RadarCovid. (Foto: Europa Press)
Malia ser unha das tres ferramentas chave para o seguimento dos contaxios, as aplicacións RadarCovid e PassCovid non tiveron a eficacia esperada

Algo está a fallar na eficacia das aplicacións para o rastrexo de persoas positivas de Covid-19. No país contamos con dúas aplicacións que se poden utilizar para ser notificado en caso de que estiveses en contacto cun positivo ou para comunicar un posíbel contaxio: a do Goberno estatal, RadarCovid; e a da Xunta, PassCovid. Esta última está conectada co Servizo Galego de Saúde, a Central de Rastrexo de contactos e a aplicación estatal. 

Non obstante, e a pesar de que a Consellaría de Sanidade a cualificara como “canle preferente de contacto con residentes e transeúntes no país”, esta ferramenta só foi descargada en menos de 100.000 teléfonos móbiles na Galiza.

A través do PassCovid –e tamén a través do Sergas– unha persoa pode obter o código de diagnóstico necesario para comunicar na aplicación RadarCovid que é positiva, mais para isto é preciso que dentro da aplicación galega a usuaria se identifique a través do sistema Chave365. 

Esta serie de pasos, que se poderían ampliar de non estar dado de alta no sistema Chave365 previamente, a incerteza pola privacidade e a baixa descarga da aplicación galega, tradúcese en que desde 14 de setembro de 2020, só 5.021 galegas e galegos contaxiados introduciron o código na aplicación estatal. 

O RadarCovid tampouco está a ter a eficacia buscada. Hai un mes o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, recoñecía no seu balance de ano que as descargas da aplicación –máis de sete millóns – “non eran suficientes”, xa que “para poder trazar e seguir os focos de contaxios e realizar seguimentos de maneira eficaz precísanse, polo menos, 9 millóns de usuarias”. A nivel nacional, na aplicación introducíronse 51.684 códigos de diagnóstico desde setembro de 2020 até a semana pasada. A pesar disto, o Goberno estatal vén de adxudicar á multinacional española Indra os servizos de mantemento, soporte e evolución da aplicación, cun prazo de 24 meses, por 1,74 millóns de euros. 

Pola contra, nalgúns países de Europa, esta ferramenta si está a ter a súa eficacia. No caso británico, a NHSCovid-19 tivo 21 millóns de descargas e desde setembro de 2020 notificaron 1,7 millóns de exposicións, segundo indica un estudo interdisciplinar da Universidade de Oxford.

En países como Corea do Sur, a estudante de tradución literaria Alba Verea contaba a Nós Diario que “nos móbiles xa funcionaba un sistema de avisos para transmitir as recomendacións e no que tamén se informa dos positivos no teu barrio, da súa localización e movementos”.

Este sistema de seguimento coreano procuraba que, “se estiveches nalgún dos lugares onde houbo casos positivos, poidas avisar e facer a proba, para poder illarte e estar controlado. As persoas que dan positivo teñen que descargar unha aplicación no móbil que fai a trazabilidade dos contaxios. Esas persoas quedan confinadas na casa e xeolocalizadas, reciben no fogar un paquete con comida e material, como máscaras, e están conectadas coa aplicación, baixo ameaza de multas moi fortes, prisión ou deportación se se incumpren as medidas de confinamento”, contaba Verea o ano pasado ao xornal.

Ningunha notificación

Martiño Santos descargou en outubro a aplicación RadarCovid no seu teléfono. Estivo en contacto cun positivo e tivo que permanecer 10 días confinado, mais "en ningún momento recibín notificación da aplicación do contacto", explica en conversa telefónica con Nós Diario. Desde o seu criterio, "a aplicación debería estar conectada ao sistema sanitario dalgunha maneira" que permita o anonimato da xente mais coa eficacia do rexistro de casos positivos. 

Para Santos "se deixamos que estas aplicacións sexan algo parecido a unha rede social, non se alcanzará o seu obxectivo", sinala. 

El mesmo reflexiona que "dependendo da miña situación, se fose positivo pensaría se confirmar ou non na aplicación, xa que, no caso de que fose un caso grave, o último no que pensaría sería en adquirir o código de diagnóstico para comunicalo".