"Quixemos pór en valor os tesouros das bisbarras que forman parte desa Galiza esquecida

Nordés
Nordés, a asociación de desenvolvemento das Terras da Faladora, é unha entidade que nace co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio artístico, cultural, natural e histórico destes territorios. Coas actividades culturais a ralentí por mor da alarma sanitaria, desde Nordés propoñen un par de alternativas para salvar distancias: "Parola(r)" e " Videofaladoiros de Nordés". Conversamos con Luís Real, membro da asociación, para saber máis destas suxestións. 

Canto tempo levan na  asociación Nordés Faladora?

A asociación naceu como tal no ano 2013, mais antes diso comezamos, desde un colectivo, coa realización dunhas xornadas pola memoria histórica chamadas "Memoria e dignidade". Na segunda edición destes encontros xuntámonos varias persoas, a maioría delas da comarca ou vencelladas á comarca da Mariña, e falamos da necesidade de formular unha asociación que puxera en valor moitos dos tesouros que tiñamos nas bisbarras e que forman parte desa Galiza esquecida, do norte, con moi poucas comunicacións e moi pouca actividade asociativa. 

E que actividades realizan?

Tratamos de pór en valor todo o patrimonio cultural, artístico, arqueolóxico, histórico, etnográfico que temos na comarca, para que as nosas bisbarras sigan vivas e sexan atraentes para a xente que vén visitarnos. Fixemos actividades que traballan estes eixes temáticos, desde faladoiros até viaxes culturais, rutas e tamén sobre gastronomía, micoloxía, sobre produtos da zona, que sabemos que temos aquí pero aos que non lle damos tanto valor, como algas, ourizo etc. porque desde a asociación tamén procuramos promover ese pequeno tecido empresarial. Unha das últimas actividades que tivemos foi no Folgueiro,  no concello do Vicedo, titulada "Alternativas do rural", na que xuntamos varias persoas que decidiron non emigrar para crear proxectos na nosa comarca co fin de partillar experiencias e ideas.

Agora para o confinamento, que propoñen?

Procuramos que exista unha dinamización cultural e de traballo de pór en valor as cousas, para iso faciamos unha actividade ao mes, máis ou menos. Unha das primeiras ideas que xurdiu para estes días de confinamento é como poderíamos axudarlle nós ás persoas que están soas na casa a pasar este illamento. Pensa que estamos nunha comarca moi rural, coa poboación moi espallada... Decidimos pór en marcha "Parola(r)", que é unha rede de conversas telefónicas, dispoñíbel para levar mellor o confinamento, para falar con alguén, compartir... Imos pouco a pouco porque é difícil chegar a moita xente. Somos un concello con moitos lugares e moi illados, só podemos achegarnos a certos puntos e ir poñendo anun cios. Por outra banda creamos os "Videofaladoiros de Nordés" a través de plataformas en liña ás que podemos asistir virtualmente. Na asociación contamos con persoas especialistas, arqueólogas, filólogas, historiadoras... Así podemos escoitar unha conferencia e despois debater un pouquiño, xa que non podemos asistir ao salón de actos do concello de Mañón ou á casa da cultura do Vicedo, que é onde normalmente facemos os actos. A primeira edición foi o pasado sábado, coa videoconferencia de Xosé L. González sobre "Os Mouros na toponimia do Ortegal e A Mariña". Tivo moi boa asistencia, participaron unhas 30 persoas, e agora colgamos a gravación en Youtube para que calquera persoa poida acceder a ela e pasar un anaco agradábel ao tempo que aprende algo novo.

Cal será o próximo encontro de "Videofaladoiros"? 

Será este sábado ás 19 horas da tarde, e desta volta a cargo do historiador ferrolán Eliseo Fernández, que nos vai falar sobre "Mar aberto: fuxidas marítimas en Ferrol e Ortegal, 1936-1939". En principio versará sobre as persoas que escapaban do franquismo por mar desde Cariño, desde Ares e desde o porto de Espasante. Quen queira participar só ten que mandar un correo electrónico a asociacion.nordes@ gmail.com e anotarse. Antes diso facemos na sexta feira unha proba para aquelas persoas que non saben utilizar a plataforma, para que aprendan e así poidan unirse. 

"