Quince anos a defender os ríos galegos

Voluntariado do Proxecto Ríos no Grou [Imaxe: Paco Bañobre]

Adega asinou esta segunda feira con Augas de Galiza a renovación do convenio de colaboración co organismo de augas que dota de orzamento o Proxecto Ríos de voluntariado ambiental en ríos. O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por Adega e financiada por Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Este convenio, explica Adega, permitirá desenvolver durante este ano 2020 unha extensa lista de actividades de capacitación do voluntariado fundamentais para acadar unha participación activa da cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Neste ano 2020 Proxecto Ríos fai 15 anos de traballo continuo.

Actualmente, Proxecto Ríos conta con máis de 400 grupos de voluntarias e voluntarios e unhas 4.500 persoas participantes en todo o territorio galego.