Queres probar xa os cogomelos? Aquí tes as chaves para recollelos pola túa conta

Imaxe de arquivo duns cogomelos no monte. (Foto: Europa Press)

A Xunta da Galiza ten unha serie de normas e recomendacións que sempre é preciso recordar cando comeza a tempada micolóxica. Se non atendes a estas oito regras podes enfrontarte a unha sanción.

O outono e as chuvias xa están aquí e nos montes da Galiza veñen agromando os cogomelos que cada ano, neste tempo, aportan variedade aos menús e dietas da poboación. Ademais, a actividade micolóxica parece ideal para facer deporte, aforrar algo na compra e ocupar o tempo de lecer, todo en un.

Normativa para apañar

Porén, xa que vas saír a facer unha recollida, debes coñecer as restricións que impón a Xunta da Galiza a través do Decreto 73/2020 do 24 de abril. Porque para ir coller cogomelos non todo está permitido.

O primeiro que debe saber toda a xente é aquelas variedades que son aptas para o consumo humano, máis iso pasa por ler un pouco antes de ir apañar aos campos.

Ferramentas para ir aos cogomelos

A nivel práctico e para evitar multas ou advertencias de autoridades do Goberno galego ou das forzas de seguridade que podas atopar no camiño, ten en conta que non podes traballar con angazos nin levar bolsas de plástico para a recollida. Precisarás unha cesta e unha navalla, que en xeral pode ser pequena porque non está permitido usala para facer cortes.

A primeira advertencia das autoridades é que, se vas ir recoller, os arrinques, non os cortes. A navalla é un utensilio que levarás para facer panca cando sexa totalmente preciso. Poderás degustar estes froitos da terra na túa casa, máis non penses en facer negocio pois o máximo permitido son “dous quilos por persoa e día”.

Sen plásticos polas esporas

Por que non se aceptan os plásticos? A preocupación xa non é que alguén os deixe atrás, na natureza, senón que o recipiente que empregues deixe saír as esporas.

“Está prohibido remexer o chan na procura de cogomelos”, advirte a Xunta. Se tes unhas nocións mínimas desta actividade saberás (e senón xa cho dicimos Nós) que cando están preparados para a recollida, eles mesmos asoman da terra. Os cogomelos agardan por ti!

Importancia para o hábitat

Mais ten coidado coa idade dos que apañas: nin demasiado novos nin demasiado vellos. Deben esparexer as súas esporas para ter garantida a continuidade desta produción natural.

Como son importantes para o hábitat do monte, non fagas mal sobre aquelas pezas que non teñas previsto levar. E, por suposto, non vaias ás agachadas pola noite para facerte cun cargamento maior.

Por último, recorda que “non se poden” recoller os froitos en “fincas privadas dedicadas ao aproveitamento micolóxico” e menos cando están sinalizadas. Se xa es unha persoa experta na distinción dos produtos da terra, xa tes toda a información que precisas para planificar a túa próxima saída. Agardamos que a visita ao monte sexa frutífera!