Queres gozar dun Nadal ecolóxico?

Carta a uns reis magos de costas ao consumismo. (Foto: Adega)
Gostarías de vivir unhas festas máis sostíbeis e menos baseadas no consumismo? Entidades como Adega teñen as súas propias propostas para axudarche neste camiño cara o cambio de dinámicas.

Hai xente que vive o Nadal con felicidade tal e como é na sociedade actual. Outra quere deixar atrás o consumismo e o gasto excesivo en múltiples ámbitos, como pode ser a iluminación ornamental. Neste último capítulo unha persoa soa ten pouco que facer contra todo un sistema, mais as mudanzas sempre comezan pola casa.

A entidade ecoloxista Adega é unha das que che pode axudar neste cambio de hábitos dado que incluso editou unha pequena guía a modo de ferramenta coa que comezar a vivir as festas doutra forma. Queres algúns consellos? Velaí van:

Se a túa principal preocupación está no gasto enerxético, deberías comezar a fixarte na orixe e/ou fabricación dos produtos que acostumas mercar. No caso da iluminación no fogar, tes a opción de buscar outra decoración ou de fixar o tempo en que as lámpadas van estar acendidas por medio dun temporizador.

O medio ambiente tamén sufre coa chegada destas datas así que evita ir cortar unha árbore para colocala no salón. Podes mercar unha que che vaia durar moitos anos ou, por exemplo, poderías aproveitar o tempo libre para crear unha coas túas propias mans e obxectos reciclados como poder ser madeiras que atopes no chan no monte ou na praia.

Son días de moito consumo e mesmo consumismo. Para combatelo, as e os expertos recoméndanche mercar o xusto e evitar tirar a comida. Os alimentos que sobran poden ser grandes materias primas para darlle forma a outros pratos e menús.

Estratexias para un cambio baixo a árbore

Un piar do Nadal son os agasallos pero pódense evitar ou, no caso de non poder optar por esa vía, é posíbel facelos doutra maneira diferente. Para reducir emisións e axudar a que a túa vila estea en bo estado fai o investimento no comercio de proximidade, que de seguro o agradecerá aínda máis dados os duros momentos vividos pola pandemia da Covid-19.

Ao igual que no caso da árbore, se dispós de arte e creatividade podes fabricar os presentes ti mesma. En todo caso, hai alternativas ecolóxicas, tendas de segunda man... E reducir na medida do posíbel o abuso nos envoltorios.

Coas reunións familiares ou laborais, sempre que a pandemia o permita, aumentan os desprazamentos. En consecuencia, o transporte produce máis emisións. Desde Adega apostan no transporte público, nunha conducción sostíbel ou mesmo en achegarse a pé ao teu destino.

Na edición longa da súa guía, Adega chega a reparar na necesidade de reducir o gasto de pilas elixindo obxectos e xoguetes que non as precises, advirte de que a publicidade minte para vender e solicita á cidadanía galega que aposte na reciclaxe unha vez rematados os eventos, entre outras cuestións.