Queres coñecer os resultados provisionais das eleccións sindicais no ensino?

Imaxe de arquivo dun centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Na quinta feira decorreron as eleccións sindicais no ensino público galego. Uns comicios en que a CIG-Ensino revalidou como sindicato maioritario do sector, ampliando a representación lograda na anterior cita electoral.

Os resultados provisionais aos que tivo acceso Nós Diario poñen de manifesto que a CIG-Ensino, que repite como sindicato maioritario no sector, mesmo incrementando os resultados, conseguiu na circunscrición da Coruña 26 representantes; 22 na de Pontevedra; 11 na de Lugo e 8 na de Ourense. Un total de 67 representantes dun total de 146 en toda a Galiza que elixía un censo de 33.000 docentes en toda a Galiza. Chega ao 45,20% do total de delegadas e delegados.

Ademais, a central nacionalista logrou incrementar o seu número de delegadas e delegados, ao pasar de 60 representantes a 66.

A respecto de CCOO, segunda forza en representación, que tamén mellora a respecto a hai catro anos -pasou de 28 a 34 delegados e delegadas-, conseguiu 12 representantes na Coruña, 10 en Ourense, 9 en Pontevedra e 3 en Lugo. Suman 34 delegadas e delegados de 146, o 23,28% da representación total.

En terceiro lugar, sitúase ANPE, cun total de 18 representantes de 146, un 12,33%, distribuídos da seguinte maneira: 6 na Coruña; 6 en Lugo; 3 en Ourense e 3 en Pontevedra.

En cuarta posición, aparece STEG, con 3 representantes na Coruña, 3 en Lugo, outros 3 en Pontevedra e 1 en Ourense, un total de 10 delegadas e delegados que representan o 6,85% do total.

En último lugar, sitúase UXT, segundo os datos provisionais, ao conseguir 4 en Pontevedra, 2 en Lugo e 2 en Ourense. Non logrou delegado ningún na circunscrición da Coruña. En total, ten 8 representantes de 146, un 5,48% do total.

Os datos definitivos coñeceranse a próxima segunda feira, día 5 de decembro.