18-F

"Queren comprar os votos": alertan do uso electoralista do 'Bono Coidado' para residentes por parte da Xunta

Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
Vellez Digna, Trega e Modepen critican que o bono "só trata de ocultar a mala xestión da Xunta da Galiza nesta lexislatura e nos 10 anos anteriores".

A Xunta da Galiza vén de enviar unha carta ás persoas usuarias de residencias onde se informa, de “modo propagandístico o consciente que é o Goberno galego do apoio, axuda e comprensión que precisan os dependentes e que, por iso, idearon o Bono Coidado en Residencia cun complemento universal de 1.200 euros”. Así o denuncian desde as asociacións Vellez Digna, Trega e Modepen.

Estas organizacións, valoran negativamente a medida que “só trata de ocultar a mala xestión da Xunta nesta lexislatura e nos 10 anos anteriores, nos cales o maltrato a residentes e familiares, se estendeu parello ao empeoramento dos servizos na maioría das residencias galegas”.

Anos, segundo indican, de “boicotear o seu propio servizo de inspección, avisando as residencias cando van ser inspeccionadas, permitir o empeoramento dos coidados e da comida nas residencias e que nelas se restrinxan as visitas aos familiares e o acceso ás zonas comúns e cuartos, permitir o incumprimento das rateos e a non cobertura das baixas e vacacións do persoal ou que xa non teñan enfermeiras 24 horas co risco consecuente do intrusismo profesional, instaurar un total escurantismo e opacidade sobre o mundo das residencias, particularmente sobre as inspeccións, denuncias e expedientes que, ademais, nunca van adiante, converter as residencias de maiores en lugar de ingreso para doentes psiquiátricos, ex toxicómanos ou vítimas de accidentes, sen dotalas do persoal e recursos necesarios e adecuados a esas patoloxías ou non crear nin unha soa residencia pública nestes anos e privatizar as que xa había, convertendo os dependentes nun negocio onde priman os beneficios e non os coidados”.

"Intención electoralista"

Para estas organizacións, todo isto demostra que o sufrimento dos dependentes e anciáns nas residencias lles importa “máis ben pouco” á Xunta. “Lembrarse agora dos dependentes e como única medida darlles 1.200 euros a uns dias das eleccións, ten unha clara intención electoralista, intentando manipular os dependentes e mercar o seu voto con cartos sen corrixir ningún dos problemas que lastran a dependencia”.