"Queremos que o monte se manteña por si mesmo co cultivo de árbores autóctonas"

Fousas ao monte é un movemento veciñal que agromou polas terras de Taragoña
Multifuncionalidade, biodiversidade e sustentabilidade. Eis os tres eixes definitorios de Fousas ao monte, un movemento veciñal que traballa coa limpeza e repoboación con árbores autóctonas na parroquia de Taragoña, en Rianxo. Miguel Rial é unha das persoas que fan parte desta iniciativa e dedicounos un tempo para explicarnos en que consiste esta aventura.

Cando botou a andar o proxecto Fousas ao monte?

Fousas ao monte naceu no outono de 2017 como unha resposta á vaga de lumes que daquela asolou sobre todo o sur de Pontevedra mailo norte de Portugal. Nós, un grupo de xente da parroquia de Taragoña, en Rianxo, vimos que iso podía pasar tamén aquí e decidimos poñernos en marcha e non quedar parados. Comezamos por recuperar unha zona na que xa se fixera unha plantación, 30 anos atrás, a cargo das crianzas do colexio Xosé María Brea Segade. Algúns deses nenos que participaron nesa plantación formaban parte do noso grupo de amigos. O obxectivo era limpar a zona onde se plantaran esas árbores, que daquela estaba inzada de acacias. Comezamos a facer limpezas semanais e fomos avanzando pouco a pouco até que deixamos ao descuberto árbores autóctonas, xa con esa idade de preto dos 30 anos, árbores fermosas, grandes, que até daquela estiveran ocultas nese mar de acacias. Vimos que iso que fixeramos estaba moi ben e comezamos a organizarnos como colectivo.

E así fixeron este movemento veciñal, cunha comunidade máis apegada á súa terra.

Si, o compoñente social é imprescindíbel, de sentimento de pertenza a un grupo, de ver o monte non como unha propiedade privada de cada quen, senón de forma conxunta. Neses dous anos e medio si que o estamos conseguindo, mais sempre co respaldo do grupo veciñal e da Comunidade de Montes O Fieitoso. Fousas ao monte é un movemento que non conta con propiedades de seu para actuar, mais o que si facemos é organizarnos con esta comunidade de montes para actuar nos seus terreos. 

Que actuacións realizaron?

Estamos medrando continuamente e revisando cousas, no que máis estamos avanzando é na sustentabilidade do noso monte, porque non nos interesa tanto o compoñente económico, mais si recuperar o monte autóctono e ir eliminando especies invasoras como o eucalipto e as acacias para consolidar o que temos a través doutros usos alternativos que van máis alá do aproveitamento de madeira de baixa calidade, e tamén tratamos zonas que entendemos que son importantes e clave para a prevención de lumes. Nós queremos que o monte se manteña por si mesmo co cultivo de árbores autóctonas, que ben poden ser para obter madeira de maior calidade como poden ser castiñeiro ou nogueira, ou ben a plantación de árbores que nos acheguen froitos, aproveitamento de cogumelos, da cortiza, de resina... Unha serie de recursos que nas últimas décadas ficaron esquecidas. Como última novidade, vimos de facernos cun pequeno rabaño de cabuxas, raza cabra galega autóctona, coa idea de aproveitar o seu pasto para que o monte veciñal se manteña limpo.

O das cabuxas é un proxecto que está tamén ligado ao colexio Brea Segade

Si, ademais de manter limpas distintas zonas do monte veciñal, vimos que podía ser unha actividade interesante de cara a introducila no colexio para que as nenas e nenos aprenderan en que consiste o coidado destes animais, o seu comportamento ao aire libre, a función que poden facer no monte coa limpeza... Así, as crianzas poden colaborar tamén cunha actividade máis empírica, desde a natureza e práctica, coa que poden experimentar e que, a día de hoxe, xa non é tan frecuente. Con este proxecto levamos tan só 2 meses, mais pretendemos que o rebaño medre en número. Sería xa o seguinte paso, que forma parte dun novo proxecto chamado "Máis ca leña", incidindo en que o monte vai máis alá da madeira como pasta de papel ou biomasa. Con el pretendemos crear tamén unha área didáctica para amosar sobre o terreo as distintas cousas que estamos levando á práctica