Queremos galego convoca unha concentración en Lugo contra a sentenza polo uso municipal do galego

Manifestación en defensa da lingua [Imaxe Galiza Contrainfo]

Chama a "defender socialmente" as conquistas lingüísticas acadadas perante a sentenza que chumba a Ordenanza municipal de uso do galego.

A cuarta feira, 16 de marzo, a plataforma social Queremos Galego convoca unha mobilización perante o Concello de Lugo ás 11.30 horas en resposta e como "primeira acción" após a sentenza xudicial que anula boa parte do articulado da Ordenanza de usos do galego aprobada en 2012 polo goberno local. 

"Tentan conseguir o que non conseguiron pola vía política"

Neste senso, o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística salientou que iniciarán unha "campaña de información" para que "a sociedade se mobilice en defensa da lingua" perante unha decisión xudicial coa que, di, "tentan conseguir o que non conseguiron pola vía política" o que define como "grupos ultras", en referencia á denunciante Galicia Bilimgüe. 

"A sociedade debe defender os avances conseguidos pola vía da mobilización"

Desde a plataforma social defenden que a Ordenanza responde ao marco legal, á Lei de Normalización Lingüística (1983) e ao Plano de Normalización Lingüística (2004), polo que instan a "sociedade a defender os avances conseguidos pola vía da mobilización" tamén na rúa. 

Neste senso, chaman a un "17 de maio masivo", en referencia ao Día das Letras mais a "apoiar" na véspera o recurso que están a preparar os servizos xurídicos do concello e a "exixir que se actúa para garantir o galego como lingua propia" mesmo se for preciso "mudando as leis que o impidan".