ADEGA PONO EN COñECEMENTO DA FISCALíA

Denuncian montarías ilegais de lobos por 2.800 euros

Captura de pantalla

“Véndese rececho de rebezo selectivo na reserva da biosfera dos Ancares Lugo. Tamén se pode cazar xabarín e lobo. Prezo 1000+taxas (negociábel). Urxe!”. Anuncios coma este poden atoparse na rede como ofertas de trofeo de lobo, cuxa venda está prohibida e pode ser causa de delito penal.

Adega vén de poñer en coñecemento da Fiscalía ambiental e da Dirección Xeral de Conservación as ofertas de montarías de lobo, xabaríns ou rebezos en distintas páxinas de anuncios da internet, con “naturalidade e absoluta impunidade”. Nalgúns casos trátase de particulares que achegan un teléfono móbil e noutros casos os anuncios están publicados por empresas relacionadas co turismo cinexético, como é o caso de Cazaribeirasacra.es, que oferta na súa web a caza dun lobo por 2.800 euros.

Adega advirte de que a venda de trofeos de lobos está prohibida en Galiza e pode ser causa de delito penal. E é que o lobo fica sometido ao Decreto 297/2008, de 30 de setembro, polo que se aproba o Plano de xestión do lobo en Galiza. Este plano non permite que o lobo poida ser motivo de aproveitamento comercial nin permite a súa venda como trofeo. “Desde Adega consideramos que este tipo de prácticas, de se consumar, estarían incorrendo nun delito tipificado no artigo 335 do Código Penal, do que o lobo está sometido a unha norma específica sobre a súa caza, que é o Plano de conservación”, sinala a asociación.

Segundo a normativa citada, a caza do lobo en Galiza, no caso de demostrarse necesario, será xustificada mediante informe técnico. O Plano autoriza que a caza só se poderá acometer coa colaboración das asociacións de caza. Ademais, é obrigatoria a supervisión por parte dos axentes ambientais da Xunta de Galiza.

Caza de lobos “á carta”

Na páxina web de Cazaribeirasacra.es, que oferta a caza do lobo por 2.800 euros, convídase as persoas que o desexen a vivir “a experiencia única da inigualábel montaría española”, nun marco de “paraxes impoñentes e fermosos mosteiros”.

“Proporcionámoslle ao cazador un servizo integral desde a súa chegada até que finaliza a súa estanza na nosa hospitalaria terra galega”, recolle a web, que tamén oferta “unha coidada gastronomía”.