As quenllas da Galiza: E as crías que visitan cada ano as nosas praias

Cría de tintureira (prionace glauca) localizada no concello de Muros (Foto:Toño Maño)
Os veráns galegos dos últimos anos estiveron marcados pola presenza de crías de quenllas que se achegan até as praias cada vez con máis frecuencia. As principais especies de tiburóns que visitan a costa da Galiza son o marraxo, o tiburón peregrino e as quenllas ou tintureiras.

No mundo coñécense un total de 510 especies diferentes de tiburóns, dos cales o 9%, o equivalente a 48 especies, foron rexistrados en augas galegas. Estilizados, aplanados, con ou sen espiñas, negros, grises estampados e mesmo algúns que brillan na escuridade como se de lucecús se tratase, a diversidade dos tiburóns que viven ou poden encontrarse ocasionalmente no noso litoral están categorizados en sete ordes e 22 familias e poden medir desde 60 centímetros até 11 metros, como é o caso do tiburón peregrino, o máis grande de Europa e segundo do mundo.

A presenza de tiburóns nas nosas augas é unha realidade ben coñecida, algunhas das especies, como o marraxo, o cazón ou o melgacho, mesmo son pescadas e comercializadas desde sempre. A novidade consiste no incremento do achegamento das crías ás praias nos últimos anos, algo para o que a comunidade científica non ten aínda unha resposta clara. 

A gran diversidade de especies na nosa costa é debida ás boas características e aos hábitats adecuados cos que conta o litoral galego para a cría de tiburóns, que dependen moito da luminosidade, da temperatura, de presión, da cantidade de osíxeno, do sol, dos nutrientes etc. Dependendo da zona e das características destas, atópanse unhas ou outras especies, dado que cada unha delas precisa dunhas condicións específicas.

Hai tres tipos xerais de espazos nos que habita este animal na nosa contorna. A primeira é a plataforma continental galega que, cunha anchura máxina de 35 km, constitúe unha zona rica e produtiva do océano dado que conta cunha gran cantidade de luz solar que permite a presenza de algas e outros vexetais fotosintetizadores. Estes organismos, xunto cos nutrientes que proveñen das correntes, das ondas e do aire, contribúen ao mantemento deste ecosistema mariño. 

Nesta primeira zona abundan as especies da tintureira e os marraxos, dous dos tiburóns máis comúns na Galiza, así como o cailón, tamén coñecido como marraxo sardiñeiro pola súa alimentación. Na plataforma continental galega tamén se atopa o tiburón peregrino, que aparece habitualmente na primavera ou no verán, e do que se ten feito algún avistamento de exemplar adulto desde as praias, como en Muros no ano 2015. O cazón tamén habita nesta zona, así como a musola pinta ou o melgacho, a especie máis abundante do país.

A segunda zona é o noiro continental, que se estende até máis alá dos 2.500 metros. Dependendo dos seus gradientes, pode dividirse en superior, até os 1.800 metros, ou inferior. A característica principal do noiro occidental é que está erosionado por canóns submarinos e abruptos á altura de Ferrol, A Coruña, Laxe, Muxía, Muros, Pontevedra, Vigo e doutras localizacións. Cómpre ter en conta que a partir dos 1.000 metros de profundidade a escuridade é total; porén, o noiro adoita ser unha zona de gran produtividade que favorece a proliferación de especies mariñas moi diversas. Un dos tiburóns que mora no noiro continental é o quelvacho.

Finalmente, encóntrase o Banco da Galiza, unha montaña submarina duns 90 km de longo por 50 km de ancho que caracteriza o límite occidental da conca interior. Curiosamente, esta montaña ten unha altura moi superior á de Pena Trevinca, o cume máis alto do país, pois elévase desde os 5.000 metros de profundidade da chaira abisal até os 650 m de profundidade. 

Aínda que a priori parecería difícil a existencia de fauna nesta zona, é un dos lugares máis produtivos do noso mar, debido aos nutrientes das ladeiras e ás correntes de auga fría. No ano 2010, descubríronse nela cinco exemplares de tiburóns que non foran antes rexistrados no país: tres peixegatos do xénero Apristurus, até o momento descoñecido na Galiza, unha variedade de pico pato e o melgacho de Islandia, que constitúe o rexistro máis meridional da especie.

Con todo, as únicas especies cuxas crías se achegan ás praias galegas son as tintureiras ou tiburóns azuis e, con moita menos frecuencia, as de tiburón peregrino, ambas as dúas especies peláxicas. Esta circunstancia, que non é totalmente inusual, xa que sempre se ten producido, incrementouse con moita intensidade nos últimos anos, espertando, por un lado, o temor, e por outro, o interese de gran parte da poboación. 

Recentemente téñense promovido diferentes iniciativas coa finalidade de rexistrar todos os avistamentos de quenllas oceánicas no litoral galego. Foi no ano 2018 cando se cuantificou un maior número de visitas de tiburóns na Galiza, rexistrando máis 130 quenllas só durante o mes de agosto e case 100 en setembro, segundo datos da Sociedade Ibérica de Ictioloxía (Sibic). Porén, a comunidade científica aínda non coñece as razóns exactas polas cales as crías dalgunhas destas especies se achegan tanto ás praias e aos portos. Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Marinos (Cemma) asegurou nunha entrevista de 2019 que “desde hai tres ou catro anos [entre o 2015 e o 2016] vimos que era un fenómeno constante”.

As especies cuxas crías se achegan ás praias galegas son as tintureiras ou tiburóns azuis e, con moita menos frecuencia, as de tiburón peregrino, ambas as dúas especies peláxicas

Diferentes asociacións ecoloxistas, como Ecoloxía Azul, argumentan que as posíbeis causas deste achegamento das crías de tiburóns azuis, ou tintureiras, pode ser os cambios na temperatura da auga, que provocan o desprazamento das zonas de cría cara á costa, razón pola cal é máis habitual encontrar exemplares de moi pouca idade nas praias. Porén, é unha hipótese que aínda non foi firmemente confirmada. Algúns dos lugares onde máis se avistaron crías de tiburón son as praias de Camariñas, Fisterra, Muros, Carnota, Porto do Son e nas da ría de Arousa. Este fenómeno tamén se está a rexistrar nas costas de Asturias e de Portugal, aínda que non con tanta frecuencia. 

Cómpre destacar que estas crías de quenlla non resultan perigosas; son bastante asustadizas e non se coñece ningún caso no que teñan atacado as bañistas. Con todo, recoméndase non collelas nin molestalas pois, aínda que en principio son inofensivas, si poderían defenderse ao se sentiren acosadas. Realmente parece case un espectáculo atopar un deste exemplares de cría de tintureiras nas praias galegas. Este mesmo verán xa foron vistas nas Illas Cíes, na praia da Lanzada e na Ría de Muros.