Unha quenlla obriga a fechar dúas praias de Oleiros

A quenlla, na praia de Bastiagueiro.
O avistamento dunha quenlla obrigou a fechar ao baño durante unha hora as praias de Bastiagueiro e Espiñeiro, situadas en Oleiros.

Segundo informou o propio concello a través das súas redes sociais, o escualo foi visto nos areais na mañá deste sábado, o que motivou a colocación da bandeira vermella e a prohibición de bañarse.

O caso foi posto en coñecemento da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, que informou os técnicos municipais de que a especie non era perigosa, polo que a súa presenza nas augas non entraña risco para os bañistas. Transcorrida unha hora e confirmado que a quenlla era inofensiva, as praias quedaron abertas de novo ao baño.

Cando o escualo foi ollado, só había surfistas na auga.

O animal, do que a CEMMA supón que se atopa enfermo, apareceu despois na praia de Santa Cristina, no mesmo municipio.