A quenlla avistada en Oleiros faleceu por unha obstrución dixestiva xerada por plásticos

Tiburón 'momo' varado en Oleiros. (Foto: Cemma).
O equipo veterinario do Cemma confirmou a presenza no seu organismo de fibras procedentes de artes de pesca degradadas e dun tapón de botella.

O tiburón peregrino, coñecido en galego como 'momo', avistado o pasado sábado en dúas praias de Oleiros, e que posteriormente foi achado morto, faleceu por unha obstrución dixestiva xerada por diversos obxectos plásticos, tal e como determinaron os veterinarios da Cemma (Coordinadora de Estudo de Mamíferos Mariños) encargados das análises.

Foron os bañistas os que alertaron o pasado sábado da presenza dunha quenlla de gran tamaño na Praia de Bastiagueiro, en Oleiros, polo que se fechou temporalmente ao público o acceso á auga até que se puido identificar como un 'momo', unha especie inofensiva.

A presenza de obxectos estraños é habitual nos individuos desta especie, xa que, ao ser filtradores, calquera obxecto que haxa na columna de auga será inxerida coma se fose alimento

O animal chegou a varar en Bastiagueiro e, despois, na praia de Santa Cristina, pero puido ser reintroducido coa participación de socorristas, Protección Civil e voluntarios de Hábitat, baixo a coordinación de Cemma. Nese momento, comprobouse que medía máis de 4 metros, un tamaño pequeno para esta especie, dado que os 'momos' adultos miden uns oito metros.

Habituais na Galiza

Os expertos explicaron que a súa presenza na Galiza non é estraña, dado que anualmente hai entre dous e tres avisos, moitas veces dentro das rías e, sobre todo, na primavera.

A última hora da tarde do sábado, a quenlla volveu varar e faleceu. Na análise interna realizado o domingo polo equipo veterinario da Cemma detectouse a presenza no seu organismo de distintos obxectos plásticos, desde fibras procedentes de artes de pesca degradadas a un tapón de botella.

Algúns destes plásticos taponaban a válvula espiral, un órgano interno que facilita que se aumente a superficie de absorción no reducido tamaño intestinal das quenllas e raias. Esta oclusión foi identificada como causa do enfraquecemento e varamento da quenlla.

"A presenza de obxectos estraños é habitual nos individuos desta especie, xa que, ao ser filtradores, calquera obxecto que haxa na columna de auga será inxerida coma se fose alimento", apunta a Cemma, o que os convirte en "vítimas da contaminación por plásticos" dos océanos.