Cen anos da primeira edición de ANT

Quen ten a cabeceira de A Nosa Terra?

O 14 de novembro de 1916 publicábase na Coruña o primeiro número de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala. Con motivo do centenario, indagamos arredor da propiedade da cabeceira.

A cabeceira da publicación histórica pertence, a día de hoxe, ao empresario Jacinto Rey, propietario da primeira construtora galega, o Grupo San José. Fontes consultadas por Sermos Galiza explican que a cabeceira foi adquirida polo empresario a raíz da extinción de Promocións Culturais Galegas, editora do semanario e do diario dixital, cuxo desmantelamento comezou en xullo de 2010 coa presentación da suspensión de pagamentos.

“Caixanova embargara as propiedades da empresa, incluída a cabeceira e o baixo das galerías da rúa do Príncipe, en Vigo”, citan estas fontes, que aseguran que foi Afonso Eiré, ex director do semanario entre 1983 e 2007 e conselleiro delegado após o 2007, quen lle solicitou persoalmente a Jacinto Rey que adquirise a cabeceira para que non ficase en mans da entidade bancaria que é hoxe Novagalicia Banco.

As gravísimas dificultades económicas que sufriu a empresa editora en 1981 provocou que o nome da cabeceira estivese nas mans do avogado pontevedrés Xosé Luís Fontenla Rodríguez, quen apostara na empresa de maneira decidida. Unha vez superada a crise, a cabeceira volvía ser propiedade de Promocións Culturais Galegas.

Desde a segunda ampliación de capital, Jacinto Rey entrou no accionariado a través de Cultura Popular Galega

A ligazón do maior accionista do Grupo San José con A Nosa Terra non se remota ao 2007, cando fixo un importante investimento na empresa, senón ao ano 1984. “Desde a segunda ampliación de capital, Jacinto Rey entrou no accionariado a través de Cultura Popular Galega, onde Afonso Eiré era administrador único e propietario da empresa”, informan as fontes consultadas.

A respeito do futuro da cabeceira nada se sabe. Sermos Galiza tratou, sen éxito, de recabar información do Grupo San José.

Facsímil do primeiro número

Para conmemorar os 100 anos da edición do primeiro número de A Nosa Terra, o semanario Sermos Galiza (dispoñíbel na loxa online desde a noite da cuarta feira e nos quiosques desde a quinta feira) publicará un facsímil da publicación primixenia.