Historia dunha agresión racista aínda impune

Quen mallou en Momar?

Momar

“Son negro e teño medo. Teño medo porque son negro”. Momar ten medo dos mozos brancos e evita as festas e as discotecas. 

Momar colleu medo hai case dous anos. Foi un sábado de xuño, na Corveira, no concello de Culleredo. Esa noite, desde as dez e media, a orquestra Gran Vía tocaba na verbena. En el descanso: exhibición de baile de salón Tango Galicia. Al final de la verbena Disco Móvil y DJ, anunciaban os carteis. En realidade xa debía ser domingo cando Momar saíu da casa, un piso de acollida que xestiona a asociación ACCEM en Vilaboa. Levaba apenas semanas traballando na venda ambulante inda que el viñera a Galiza coa intención de converterse en mariñeiro. Porque Momar, conta, era pescador en Pikine.

Pikine é un suburbio de Dakar, un barrio pobre encaixado entre o nodo de estradas e vías férreas que comunican a capital co resto de Senegal e as praias sen bañistas que servían de meta daquela famosa carreira. En Pikine os mozos soñan con vir a Europa vestidos de futbolistas se hai sorte, ou se non, embarcados nun caiuco. Desde Vilaboa tamén se ve o mar: a ría do Burgo. E tamén hai mozos que soñan con ser futbolistas. Momar non sabe con que soñan os que lle bateron porque non lle deu tempo a falar con eles.

Momar non se chama Momar, pero ten medo de que o recoñezan e por iso pide ocultar o seu nome e saír de costas nas fotos. O resto é a súa historia e a dunha cuadrilla de mozas e mozos aos que a xustiza non foi quen até hoxe de poñerlle rostros e nomes.

Momar non se chama Momar, pero ten medo de que o recoñezan e por iso pide ocultar o seu nome e saír de costas nas fotos

Momar ten 38 anos e unha muller e fillos en Pikine. Non volveu a velos desde que no inverno de 2014 collera un barco rumbo ás Canarias. Un helicóptero levounos a terra antes de que afundira. Pasou uns días nas Palmas e despois metérono nun avión a Madrid e ingresou no CETI (Centro de Estancia Temporal de Inmigrantes) de Aluche. Non tiña papeis e a lei española di que se non pode ser expulsado inmediatamente debe quedar libre cunha orde de expulsión pendente de executar. Quedar libre significa ficar na rúa ou entrar na rede de asistencia das ONG e os servizos sociais. A Momar acolleuno ACCEM na Coruña porque, conta, en Aluche preguntou onde toparía traballo de mariñeiro e lle sinalaron Galiza. Pagáronlle o billete de autobús.

“No chan tapei a cara” 

Aquela noite, xa madrugada como figura nos rexistros da Policía Local e da Garda Civil de Culleredo, Momar foi á verbena cun feixe de pulseiras, puchos e algunhas flores. “Non lembro o que fixera o resto do día. Sei que foi nada máis chegar ao campo da festa. Rodeoume un grupo de rapaces… e rapazas. Empezaron a rirse e a insultarme. Eu dicía: ‘non pasa nada, non pasa nada… se non queredes nada, deixádeme seguir’. Vinme rodeado. De súpeto, unha rapaza lanzoume a cervexa dun vaso á cara e despois sentín un golpe no lombo. Debín dobrar as pernas, penso que me amarraron até facerme caer… No chan tapei a cara, a boca. Engruñeime. Golpeáronme. Non sei cantos nin con que nin canto tempo”.

O informe de alta do Servizo de Cirurxía do Hospital da Coruña asinado o día 10, mércores, polo doutor José Midón di: “Paciente varón de 37 años que acude a urgencias por traumatismo facial secundario según refiere a agresión. Presentó epistaxis autolimitada [sangrado pola nariz]”. E máis adiante: “Fractura del suelo de la órbita izquierda que afecta al conducto infraorbitario, con mínimo hundimiento sin herniación secundaria asociada. Fractura de los huesos propios y de la apófisis nasal del maxilar superior izquierdo. Fractura del tabique nasal”.

“Cando pararon quedei quieto no chan. Esperaba que alguén tivera parado o ataque. Levanteime e vin que sangraba pola nariz. Doíanme a cabeza e as costas. Fun cara unha muller que estaba nun bar. Debeuse asustar polo sangue… despois topei cunha parella que me dixeron cara onde quedaba a Policía Local”. 

“Cando pararon quedei quieto no chan. Esperaba que alguén tivera parado o ataque. Levanteime e vin que sangraba pola nariz. Doíanme a cabeza e as costas"

“É verdade que lle custa distinguir aos brancos?”, pregunta un dos avogados da defensa no xuízo contra unha moza e dous mozos que se celebra case dous anos despois, a finais de marzo pasado, nun xulgado do penal da Coruña. “Recorda hoxe as caras dos rapaces?”. Momar está asistido por un intérprete. Entre eles falan en wólof. Momar sabe ler en francés, pero non sabe escribir. 

 

 

Intervén o outro avogado da defensa: “Recorda se había música cando sucederon os feitos?, recorda se os agresores lle roubaron?, como pode saber o que lle dicían se non coñece o idioma?”.

Momar está sentado á esquerda do xuíz. Engruñado. Trémenlle as pernas. Detrás del están Vanessa Otero, a muller que fai o acompañamento desde que chegara á Coruña, e Esther Peña, a avogada de ACCEM que se desprazou desde Madrid. Á dereita do xuíz están sentados dous mozos e unha moza, e detrás deles un grupo de pais, moitos porque veñen tamén familiares das testemuñas, rapazas e rapaces que facían parte do grupo que Momar lle sinalou a Garda Civil cando hora e pico despois da agresión volveu ao campo da festa.

Denuncia e identificacións

O home chegou sangrando á oficina da Policía Local. No xuízo declara un dos axentes que recolleu a incidencia. Di que levaron a Momar ao posto da Garda Civil e desde alí nun vehículo foron con el até o campo da festa. Un dos gardas explica ante o xuíz que o home lles sinalou un grupo e achegáronse a eles. Momar dixo recoñecer a unha das mozas e a dous mozos. Os gardas civís identificáronnos. Levaron ao agredido ao PAC e despois Momar marchou para o piso de acollida. “Á mañá seguinte avisáronnos do que pasara e decidimos acompañalo ao Hospital”, conta Vanessa Otero, “onde estivo uns días até que lle deron a alta. Hai fotos de como lle quedou a cara, pero pensamos que non paga a pena ensinalas”. 

Nin a Policía Local nin a Garda Civil fixeron máis pescudas. Non hai testemuñas do que alí sucedeu. É a palabra de Momar fronte á dos rapaces. Mes e medio despois daquela noite, houbo unha rolda de recoñecemento. Momar non foi quen de sinalar os mozos que identificaran os axentes no campo da festa.

Nin a Policía Local nin a Garda Civil fixeron máis pescudas. Non hai testemuñas do que alí sucedeu

“Ten dificultades para distinguir aos brancos?”, insiste o avogado, “porque foi iso o que dixo o día da rolda”. Momar respóndelle ao intérprete. O que di é: “Era de noite. Eu so pensaba en escapar. Non, non recordo ben as caras. Sei que empezaron a preguntarme de onde era, que facía aquí. E despois a insultarme. ‘Negro de mierda’, ‘vete para tu país, que sólo nos traéis el ébola’. Non, non sei moito español. Pero iso entendino”.

O que os rapaces contan diante do xuíz, a coartada ratificada por tres testemuñas, compañeiros deles na cuadrilla, é que esa noite celebraron un aniversario cunha cea no Raxo do Burgo, logo foron a unha zona de botellón a beber e pouco antes das catro da maña o grupo dividiuse e unha parte foron cara á festa á que chegaron entre as catro e quince minutos e as catro e media. As súas defensas mesmo achegaron ao xuíz unhas fotos da cuadrilla desa noite. O que sosteñen os avogados e que os rapaces non estaban na festa cando Momar foi agredido.

Durante a declaración das testemuñas da defensa, o xuíz non quita ollo dos rapaces que sentan no banco dos acusados. Ten unha expresión severa. Os avogados cortan a quenda despois de tres declaracións ante a insistencia do fiscal en preguntar aos mozos da cuadrilla por que non deron aos axentes esa mesma explicación cando se viron sinalados por Momar. “Como é posíbel que a ningún se lles pasara pola cabeza dicir que non podían ter participado na agresión cando estaban sendo identificados?”. Non consta tal negativa, nin nas declaracións dos axentes.

O fiscal é Carlos Ruíz, encargado de dirixir a acusación do Estado despois de que ACCEM denunciase o delito diante da Fiscalía de delitos de odio da Coruña. Dúas semanas despois do xuízo, explica que a observación atenta do xuíz obedece ao que na lexislación se coñece como “principio de inmediación”. O xuíz estaba valorando se aqueles mozos, pola actitude e os xestos que mostraban aquela mañá no xulgado, terían sido quen de agredir a Momar. “É unha apreciación persoal do xuíz, que xulga que eses mozos non foron capaces de cometer o delito que se lles imputa”, di o fiscal e avanza que non vai recorrer a sentencia absolutoria. 

O fiscal é Carlos Ruíz, encargado de dirixir a acusación do Estado despois de que ACCEM denunciase o delito diante da Fiscalía de delitos de odio da Coruña

ACCEM precisa da Fiscalía para que o proceso non morra no xulgado de instrución. A avogada Esther Peña pensa que hai marxe para recorrer “dentro do rigor xudicial”. E fala co fiscal, que cambia de opinión. 

Recurso ante a Audiencia Provincial

“A vítima di a verdade. Non hai nada que faga dubidar da súa versión”, anota Carlos Ruiz, que na vista oral foi contundente: “Aquela noite produciuse un delito de odio étnico e fobia, o denunciante foi vítima dunha agresión racista pola súa etnia e pola súa actividade”. Pedía para os acusados 3 anos de cadea, inda que asume que a identificación no campo da festa, hora e pico despois da agresión (case ás cinco da mañá), e o feito de que a cuadrilla foi sinalada por estar no mesmo lugar onde lle pegaran a Momar pode ser un argumento débil fronte a presunción de inocencia. E así o considerou o xuíz en primeira instancia. Porén, o que máis lamenta o fiscal e a “falta de solidariedade da xente que puido presenciar a agresión” e que os axentes da autoridade non fixeran algunha pescuda en busca de probas ou testemuñas.

“A vítima di a verdade. Non hai nada que faga dubidar da súa versión”, anota Carlos Ruiz, que na vista oral foi contundente

“O sistema é un tanto garantista e protexe a presunción de inocencia, o que en principio non é malo”, sinala Esther Peña, “pero pensamos que neste caso si hai argumentos para recorrer. Fixémoslle notar á Fiscalía que o xuíz cree a Momar pero non topou unha carga de proba suficiente contra a presunción de inocencia. Pensamos que hai carga de proba sólida e mesmo poderiamos entrar noutras cuestións da liña da defensa”. 

O caso seguirá o trámite e serán tres xuíces da Audiencia Provincial os que o revisen. Non é o habitual. No conxunto do Estado hai poucas agresións racistas que cheguen aos xulgados e teñan recorrido. “Mesmo despois de ver as memorias anuais da Fiscalía, institucións internacionais constatan que en España hai un problema de infradenuncias”, explica a avogada, que traballa dentro do programa de ACCEM de asistencia a vítimas de discriminación pola orixe racial ou étnica.

O caso seguirá o trámite e serán tres xuíces da Audiencia Provincial os que o revisen. Non é o habitual. No conxunto do Estado hai poucas agresións racistas que cheguen aos xulgados

A Momar cambiárono do piso de Vilaboa a outro na Coruña. “O primeiro que nos preocupaba eran as secuelas físicas e psicolóxicas”, conta Vanessa Otero, “perdera visión nun ollo e tiña medo, sobre todo da xente moza”. Tivo apoio dun especialista. “Despois empezamos a ver como podíamos facer a denuncia. Sempre lle digo que foi moi valente. Que se non tivera acudido aquela mesma noite á Policía, nunca tería chegado a ter un xuízo”. 

“En tres ou catro meses empecei a tranquilizarme”. Arranxou os papeis a principios do 2016. Deixou o programa de acollida de ACCEM e foi vivir cun compatriota. Un pescador, di. El quere tamén un traballo no mar. Para iso veu. Para poder mandar algo de diñeiro alá, a Pikine. Momar non ten axudas sociais, sobrevive cos poucos ingresos da venda ambulante e coas comidas na cociña económica. Dúas ao día. “Non espero que me pidan perdón”, di no despacho de Vanessa Otero, “si tivera diante a aqueles rapaces que mallaron en min… non sei que lles diría, a verdade é que prefiro non velos nunca máis”. Acena coa man como espantando un pesadelo e levanta da cadeira. Préstase para tirar unhas fotos de costas. A xustiza inda non lle deu azos para poñer outra vez a cara.