Quen coordina o coordinador parental?

Imaxe dun Punto de Encontro Familiar, onde se producen as visitas con menores en certos casos de separación. (Europa Press)
A sombra dun nesgo ideolóxico machista de quen a promove planea sobre a figura do coordinador parental, introducida na Galiza pola Asociación de Pais e Nais Separadas e que, segundo os colectivos profesionais e entidades que se opoñen a ela, nace para desempeñar unha función que só pode ter cabida desde o público. 

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme) e a Marcha Mundial das Mulleres inician hoxe en Compostela  (11 horas, na Casa das Mulleres) unha serie de encontros para denunciar a figura do coordinador parental, introducida na Galiza pola Asociación Galega de Pais e Nais Separados e da que advirten que "institucionaliza a violencia contra as mulleres" a través de financiamento público.

As preguntas arredor deste ente, que se presenta como un dos programas do Servizo de Apoio Familiar Integral e Multidisciplinario (Safim) polos que esa asociación obtivo en 2018 e 2019 subvencións da Xunta, son moitas. As sombras que proxecta, tamén. "A primeira dificultade é que non existe regulación para esta figura e tampouco unha xustificación normativa", expón Estrela Gómez, membro de Agamme, quen deixa ás claras a posición da súa entidade, unha das 29 que a finais do ano pasado reclamou á Xunta a supresión do Safim e a suspensión das axudas públicas. "Non aceptamos o coordinador parental porque sabemos de onde vén, que é, en España, da Fundación Filia, unha entidade que minimiza a violencia xénero, promove a tese das denuncias falsas das mulleres e o mesmo cos abusos a menores. Esa é a ideoloxía que hai detrás, e é a mesma que defende a Asociación Galega de Pais e Nais Separados", alerta.

Na súa páxina web, esta entidade comparte abundante documentación a favor da custodia compartida ou sobre a "falsidade" das denuncias de abusos en casos de separación. Nela dáse pábulo á Síndrome de Alienación Parental (SAP), que postula unha manipulación psicolóxica das menores por parte dun proxenitor (habitualmente, a nai) nas disputas pola custodia.

Esta mesma semana, o Consello Xeral do Traballo Social emitía un decálogo onde se chama aos Colexios a prohibir o uso e aplicación desta "falsa síndrome" en informes de valoración e diagnósticos, ante as "graves consecuencias" que está a ter a "aplicación indiscriminada" por parte de equipos psicosociais, puntos de encontro familiar ou centros de atención á infancia  do que define como un "constructo acientífico" e "nesgado". "A SAP non a recoñece nin a Organización Mundial da Saúde, nin a Asociación Americana de Psicoloxía nin o Consello Xeral do Poder Xudicial, pero cando os servizos polos que pasa unha ou un menor non están inscritos nun estamento público e o persoal non opera baixo estes criterios, poden darse este tipo de interpretacións", censura Elena Gómez, membro da comisión deontolóxica do Colexio Galego de Traballo Social e integrante na recentemente creada comisión de infancia e familia, que se pon a andar o vindeiro día 3 con esta cuestión como unha das súas competencias.

"Maltrato institucional"

A traballadora social é clara no seu posicionamento. "Todos os equipos de intervención deben estar orientados desde o público, con preparación adecuada do persoal, formación e boas condicións laborais; o que non se pode é externalizar estes servizos", manifesta. 

Peor aínda, opina, cando as entidades que promoven servizos como o Safim defenden teses como a da Síndrome de Alienación Parental ou non recoñecen a violencia de xénero. "Isto é claro, non se poden dar diagnósticos que oculten cuestións como a violencia de xénero ou os abusos, polo que non se poden deixar decisións deste tipo en mans dunha asociación que os está negando", subliña, e advirte do "maltrato institucional" que se produce cando a intervención con menores de idade se fai "sen preparación, sen terse en conta que o principio fundamental é o interese desas menores e con decisións que as sitúan en escenarios que supoñen unha desprotección na súa saúde física e mental".

Na mesma liña, a representante de Agamme dá conta da "vulnerabilidade" na que o Safim e o coordinador parental deixan menores e vítimas de violencia machista, dado o seu nesgo ideolóxico. "Levamos case dez anos reclamando á Administración a creación de servizos especializados para o axuizamento de delitos contra menores, sobre todo en asuntos difíciles de detectar como os abusos; seguimos cunha total carencia de medios e, agora, o que se abre é un servizo que vai coaccionar as vítimas... É moi grave", considera.

Como pon de manifesto, o funcionamento á marxe do sistema público xera outras moitas indefensións. "Diante dunha figura sobre a que non hai normativa, como a do coordinador parental, quen vela polos dereitos da cidadanía que queira impugnar unha decisión súa? Nunha Administración ou nun xulgado cabe recurso mais, quen controla unha figura sen regular?", pregúntase. 

Falta de transparencia da Xunta

Son moitas as respostas que demandan as promotoras da sesión informativa de hoxe en Compostela –e o día 5 en Ferrol– . "Carecemos de datos", lamentan en Agamme, desde onde culpan a Xunta de "total falta de transparencia" ante os seus reiterados requirimentos. "Non sabemos se o Safim está funcionando nin onde, nin quen controla o seu funcionamento, nin quen lle deriva os casos ou se ten usuarias", sinalan. A única información da que dispoñen está na súa web, que o sitúa nun edificio municipal de Compostela e que ofrece "atención ao público en Santiago, Vigo e outras localidades".