Queizán rexeita o escravismo social e chama a axir no discurso do premio 'Mulleres en Acción'

Imaxe: editorial Xerais
A escritora e directora da revista cultural feminista Festa da Palabra vén de recibir este galardón en Cangas, na Mostra de Teatro Cómico e Festivo. Entrégase por primeira vez para destacar o traballo das mulleres en distintos eidos

A escritora María Xosé Queizán vén de ser galardoada co primeiro premio Mulleres en Acción, entregado esta fin de semana na Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que vai xa pola súa edición número 29. Nunha gala que inaugurou Carlos Blanco e fechou Mónica García con sendas intervencións marcadas por esa retranca que fai marca de País, Queizán falou con acento feminista, e centrou o seu discurso na necesaria urxencia por artellar unha estratexia onde pensar e axir vaian da man porque "a pasividade mata".

"Non son unha teórica feminista ou unha escritora que ve pasar as nubes desde a súa torre", espetou a escritora, que recibiu un galardón que se entregou por vez primeira para premiar o traballo das mulleres en todos os eidos de acción. Na liña, destacou que "unha das prioridades das mulleres é saír do privado ao público", analizando desde o reparto dos espazos no patio da escola --os homes xogan á pelota no medio e as mulleres distribúense polas marxes-- até as formas de escravismo social que canda si traen os anos.

"A moda, a vestimenta, os zapatos circenses nos que van encaramadas as mulleres, ademais de deformar a columna vertebral, os xeonllos e os pés, impide a mobilidade", queixouse a escritora, directora da revista cultural de pensamento feminista Festa da Palabra. "A igualdade é só unha palabra", alertou, e cualificou o premio Mulleres en Acción como "unha consigna revolucionaria".

Na mesma gala entregouse tamén o galarón Xiria 2012 ao labor teatral, que desta volta foi parar á Escola Municipal de Teatro de Narón para destacar o traballo que veñen desenvolvendo desde hai máis de 20 anos. A Plataforma das Artes Escénicas da Galiza subiu ao escenario a campaña Cultura contra a Mentira, e Mónica García, na pel de Cándida del Moral, a enviada da Consellaría de Cultura a Cangas, repartiu para tod@s no Goberno da Galiza. Tras a entrega de premios e antes de baixar o pano até o ano que vén, unha frase lapidaria: "O teatro da vida segue".