Queixas de centros de saúde polo “descontrol” na campaña de vacinación da gripe e da Covid-19

Imaxe de arquivo dun centro sanitario dunha vola costeira

“Tiveron que anular citas xa confirmadas ao citar de novo a Xerencia por sms”, afirman desde CIG-Saúde

 

A CIG-Saúde denuncia o “descontrol” no sistema de citación para a campaña de vacinación da gripe e a terceira dose da Covid. Un “descontrol” que provocou, afirma o sindicato, queixas de diferentes centros de saúde ao verse obrigados a anular citas xa confirmadas.

O pasado 18 de outubro, explica o sindicato, habilitouse a citación para a vacina da gripe nos centros de saúde así que, desde esa data, comezaron a dar citas para administrala.

Porén, afirma, o día 20, e con citas xa confirmadas, os centros recibiron unha instrución na que se indicaba que as persoas maiores de 79 anos ían ser citadas por SMS desde a propia xerencia.

Isto obrigouao persoal non sanitario a contactar coas persoas que tiñan cita confirmada para comunicarlles que recibirían un sms coa nova data

“Deste modo, a desorganización e falta de previsión, en tempo e forma, da administración sanitaria redobrou o traballo e sobrecargou, aínda máis, as áreas administrativas”, di a CIG.

Os centros de saúde afectados consideran, afirma o sindicato nacionalista, que primeiro tería que facerse unha instrución clara e despois habilitar as citas.

Canda isto cuestionan o propio sistema. “Son totalmente descoñecedores das características do noso país, xente maior que vive soa á que lle envían un sms ou que nin sequera teñen teléfono móbil, ou dúas persoas maiores que viven xuntas e as citan en distintos días tendo que facer dous viaxes”.