O Defensor do Pobo tramitou 16,7% de queixas máis procedentes da Galiza

A redución das citas presenciais motivou un aumento das queixas (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Triplícanse no Estado as queixas a causa da xestión sanitaria

O Defensor do Pobo recibiu o ano pasado até 1.003 queixas procedentes da Galiza, o que supón 16,7% máis que as 859 recibidas un ano antes. Así o reflicte o informe anual da institución. Entre as queixas, está a dunha muller vítima de violencia machista que deu lugar en 2020 á formulación de varias recomendacións á Xunta da Galiza para unha mellor atención ás vítimas. 

Así, recomendouse "o estabelecemento dunha auténtica rede autonómica de servizos de atención das vítimas de violencia de xénero", para complementar os servizos municipais. 

Propúxose, ademais, o estabelecemento de criterios de revisión e actualización das partidas orzamentarias do Goberno galego destinadas ao financiamento dos centros de información ás  mulleres (CIM).

Queixas de pacientes

No que ten a ver coa sanidade, o Defensor xestionou até 2.183 queixas a nivel estatal, o que supón o triplo que en 2019, sendo o motivo directamente sinalado a emerxencia sanitaria provocada pola Covid-19, a actividade das administracións sanitarias e as decisións de saúde pública, en materia de contención e prevención dos contaxios.

O Defensor do Pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán, resaltou a importancia de "fortalecer o sistema público de saúde" e asegurou que "non facía falta unha pandemia para que moitos dos servizos se atopasen ao borde do colapso, pola gran carga asistencial que soportan ciclicamente cada ano". 

Atención Primaria

O Defensor insistiu na necesidade de reforzar a Atención Primaria e avisou de que, desde o pasado mes de xullo e como consecuencia da pandemia, comezou a recibir queixas cidadás sobre as "deficiencias" no funcionamento dos centros. As queixas responden a "dificultades e tardanza" á hora de pedir unha cita por teléfono, para realizar unha proba PCR, polo "prazo excesivo de agarda" para asistir a unha consulta ou as "dificultades" que houbo pola asistencia telefónica. 

Aliás, urxiu ás comunidades autónomas a aumentar as inspeccións nas residencias de maiores tras a "catástrofe" que se viviu a consecuencia da pandemia.