Sete queixas e un burofax que non valen unha vacina

Unha muller recibe unha vacina en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Persoas esquecidas polo Sergas, como un home de 93 anos de Rois, denuncian a falta de inclusión na campaña de tratamento contra a Covid-19

A campaña de vacinación contra a Covid-19 programada polo Sergas vai cambiando de ritmo segundo chegan as doses e, en comparación coa cidadanía que está a ser atendida, xorden poucas queixas. Mais neste proceso feito ás présas polo risco epidemiolóxico o Servizo Galego de Saúde e a Xunta tamén están a esquecer a xente que queda nun limbo sen a inoculación do remedio contra o coronavirus. É o que denuncia, por exemplo, Olimpio Iglesias, cuxo pai de 93 anos non sabe nada da súa quenda despois de que se abrisen "sete ou oito" expedientes de queixa e se achegase un "burofax" exixindo o seu tratamento. 

Este galego de Rois explica que deron coa súa nai nun primeiro momento nun teléfono público da vila e, para a segunda dose da vacina, xa contactaron con el no seu teléfono móbil. Por iso non entende que sucede para que non traten ao seu proxenitor, xa que teñen o contacto ben e leva loitando desde febreiro.

"Os meus pais van por Muface pero o problema non é deles porque á miña nai chamárona", di Olimpio Iglesias. 

Xa realizou "sete ou oito chamadas ao teléfono indicado e ten que haber as mesmas incidencias abertas pero non soubemos nada da cita". Molestos coa situación, Olimpio Iglesias enviou un "burofax á Dirección Xeral do Sergas facéndoa responsábel do que pasara", pero tampouco houbo novidades. 

O caso, que depende da área sanitaria de Compostela, aínda non se solucionou e o denunciante di que a única resposta que obtén é que ten razón, que o seu pai xa debería "estar vacinado" hai tempo.  Ante a impotencia recorren aos medios, pois toda a familia vive incómoda cunha persoa vacinada e outra que non o está en convivencia.

Présas na atención

Este é un dos peores erros que se están a dar porque as persoas non chegaron a ser convocadas para a inoculación do fármaco contra o virus, pero agora tamén denuncian aquelas que perderon a súa cita por distintos motivos. Nos centros de saúde avisan de que terán que agardar a que volvan revisar quen quedou atrás. 

Noutros puntos da xeografía galega confesan a Nós Diario que á xente que non tiña médico no ambulatorio tras unha mudanza "porque nunca o precisara até agora" entroulle a présa por darse de alta, o que aumentou o traballo diario do persoal administrativo. Por exemplo, dáse a circunstancia de que había xente doutros territorios do Estado que estaba empadronada no novo concello de residencia pero non pasara polo centro de saúde con anterioridade.