A Xunta introduce novas "medidas de xestión" da Rede Natura 2000 como as queimas controladas

Espazo da Rede Natura 2000 en Negueira de Muñiz. (Foto: Terras de Lugo)
As actividades recoñecidas como medias propias de xestión destes espazos experimentarán unha "simplificación ao máximo" dos trámites.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou esta quinta feira que a Xunta impulsará o recoñecemento de novas medidas de xestión da Rede Natura 2000 no país co fin de "potenciar a compatibilidade" entre a protección natural destes espazos e as actividades tradicionais ligadas ao territorio, que teñen, segundo a Xunta, un papel chave para garantir a preservación dos seus hábitats.

Entre as actividades recoñecidas como medidas propias de xestión destes espazos, o que facilitará a súa tramitación, estarán o cultivo de pastos, as queimas controladas —sempre que non afecten hábitats de interese comunitario nin especies de interese para a conservación— ou a creación de pistas devasas. "É un erro pensar que nun espazo protexido non pode ter lugar ningún tipo de actividade, xa que hai iniciativas que contribúen a conservar a contorna ou previr os incendios", indicou Conde.

O Consello da Xunta autorizou un acordo da Consellaría de Medio Ambiente que propón regular e recoñecer na planificación deste tipo de espazos protexidos o peso de accións e medidas que contribúen á conservación da biodiversidade dos mesmos.

Para facelo, Conde sinalou que se modificará o Plan director da Rede Natura 2000 da Galiza, un instrumento aprobado en 2014 e cuxa aplicación nos últimos anos puxo de manifesto que determinadas actividades tradicionais consideradas na norma actual como usos permitidos facilitan, "na práctica e adecuadamente exercidas", incrementar o nivel de protección destes espazos naturais ante as variábeis climáticas e os seus efectos.

Así, e tendo en conta o "peso e o papel que desempeñan no caso da Galiza para a conservación e a integridade" dos hábitats naturais protexidos, a Consellaría considera que é o momento de configurar e recoñecer este tipo de actividades como "auténticas medidas de xestión" da propia Rede Natura.

Na práctica, segundo explicou Conde, isto "fará que se simplifiquen ao máximo os trámites para realizar" e implantar estas medidas "por motivos preventivos", entre outros.

Aliás, propóñense especificamente unha serie de cambios relativos á actividade agrogandeira en Rede Natura. Por exemplo, as superficies de cultivos e pastos existentes desde 2014 terán a consideración de zonas permitidas para a súa recuperación, xa que se busca "mellorar a situación inicial en que se atopaban", e nas áreas de matogueira existentes no momento de declarar a Rede Natura, co fin de garantir un estado de conservación favorábel, poderanse facer anualmente rozas preventivas en 25% da superficie.