Unha queima neglixente e o lanzamento de material pirocténico, orixe dos últimos incendios en Rois e Dodro

Dous brigadistas forestais traballan para extinguir as lapas dun incendio forestal. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Ambos os fogos producíronse o pasado 5 de xuño nestes dous concellos da comarca do Sar.

Unha queima forestal neglixente e o lanzamento de material pirotécnico están detras dos incendios rexistrados o pasado 5 de xuño nos municipios de Rois e Dodro (comarca do Sar), respectivamente, segundo as investigacións do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago, en colaboración con axentes ambientais da Consellaría do Medio Rural.

O incendio de Rois orixinouse na parroquia de Formarís e afectou uns 400 metros cadrados de terreo. Na inspección ocular feita polos axentes, observáronse restos dunha queima forestal realizada de forma neglixente, e identificouse e tomouse declaración á persoa presuntamente responsábel dese lume.

No caso de Dodro, o incendio tivo lugar na parroquia de Laíño e afectou arredor 500 metros cadrados de superficie. No lugar atopáronse restos de material pirotécnico e tamén foi identificada xa a persoa que presuntamente lanzou os artefactos.

En ambos os casos, a Policía remitiu as dilixencias practicadas ao xulgado de garda de Padrón. No que vai de campaña, este corpo policial leva investigadas 11 persoas como presuntas autoras de incendios forestais no conxunto da Galiza.