Unha queima da Xunta provoca o primeiro incendio importante do ano na provincia da Coruña

[Arquivo] Incendio Lousame 2013

Até catro helicópteros tomaron parte na extinción dun lume que se orixinou na parroquia de Fruíme e que estivo sen control máis de dúas horas, queimando 40 hectáreas.

 

A Xunta informou do control do incendio forestal rexistrado nesta segunda feira no municipio coruñés de Lousame, na parroquia de Fruíme. O lume quedou controlado sobre as 18:30 horas, catro horas e media despois do seu inicio (14:03). Segundo as últimas estimacións provisionais da Consellaría, a superficie afectada supera as 20 hectáreas, se ben outras fontes elevan a cifra até 40 hectáreas. Nos traballos de extinción deste incendio participan 4 axentes forestais, 7 brigadas, 5 motobombas, 1 pa e 4 helicópteros.

A orixe do incendio está nunha queima descontrolada da propia Xunta, segundo indica a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, que afirmou que "o lume iniciouse canda un repetidor na Escabia, onde estaba autorizada unha queima controlada"

É o incendio máis importante da provincia da Coruña no que vai de ano. Lousame xa foi afectado polas lapas en anos anteriores, como no 2013, incendio ao que se corresponde a foto que acompaña a información.