Mozas independentistas ocupan a Secretaría Xeral de Emigracion e Turismo de Galicia

Presentación pública da manifestación da mocidade independentista polo 24 de xullo

Acto simbólico para apresentar a manifestación do 24 de xullo en Compostela

Desempregadas, precarias, emigradas ou estudantes sen bolsa para poder estudar. Ese é o perfil da mocidade na Galiza actual, onde a taxa de desemprego da xente nova ascende até 36%. Contra isto, o colectivo ‘A mocidade galega pola independencia’ –que soma o apoio de 24 organizacións– ocupou na mañá desta quinta feira as oficinas da Secretaría Xeral de Emigración e de Turismo de Galiza. Nesta acción simbólica apresentaron publicamente a convocatoria de manifestación para o próximo 24 de xullo, ás 20 horas, na Alameda de Compostela.

 

“Escollemos este lugar nesta acción de ocupación para lembrar que o espazo público é de todas e, sobre todo, para lembrar as razóns que nos levan a manifestarnos”, declararon no vestíbulo do edificio. O manifesto da organización recolle os alarmantes dados de desemprego xuvenil e de precarización das condicións laborais, que abocan a mocidade a postos de traballo temporais. “Todas coñecemos a realidade das ETT, empresas voitre que xogan coa nosa necesidade e ofrecen soldos inferiores ao salario mínimo”, acusan.

 

As perspectivas de futuro cada vez máis minguantes causan, segundo apuntan desde a organización, o sangrado de case 115.000 mozas que se viron forzadas a marchar do país desde o comezo da crise. “A emigración bate na mocidade moito máis forte que en calquera outro colectivo. Cada día vemos máis difícil albiscar un futuro digno na nosa terra”, afirman.

 

Un goberno galego submiso e cómplice

 

A violencia machista, as recortes na sanidade e no ensino público, o despoboamento do rural, a desaparición da lingua, o turismo masificado que encarece vilas e cidades, o modelo insostíbel de explotación forestal e a precariedade das pensionistas son só algunhas das razóns que enumeran para se manifestar na véspera do próximo Día da Patria. O colectivo xuvenil reivindica “o dereito a unha vida digna na nosa terra” e sinala nomes concretos como causantes da situación.

 

“Facemos directamente responsábeis as políticas no eido da emigración e do traballo, a Xunta de Galicia e o goberno de Núñez Feijóo, sempre submiso ás ordes que chegan de Madrid, que non son outras que a aplicación dunha axenda de políticas neoliberais que nos condena á miseria”, explican. A mocidade independentista alerta sobre o devir autoritario do Estado español, “cárcere de pobos, que encadea e dispersa ás que loitan pola liberdade, que silencia as que pensamos diferente e persegue ás que nos organizamos nos barrios e nos centros sociais”.

 

A repúbica galega como único camiño

 

A situación revólvese. Asumindo que Raxoi e Feixóo como simples pezas dun “sistema capitalista que nos afoga como clase”, desde o colectivo explican que “sabemos que non chega cunha reforma dun réxime podre e herdeiro do fascismo, precisamos unha ruptura con este Estado”. Por isto, a xuventude independentista ve “como única saída a creación dunha república galega que rache cos autoritarismos dos herdeiros de Franco e cun Estado que nos quere esmagar como pobo”.